A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá en Tordoia a orde pola que se lle dá o visto bo ao documento
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Tordoia, o primeiro instrumento deste tipo co que contará o municipio e que virá substituír unha ordenación urbanística vixente desde o ano 1979 e que quedara xa totalmente obsoleta.
Con este trámite, o Concello de Tordoia convértese nun dos 98 concellos galegos que contan xa cun PXOM adaptado e actualizado á lexislación urbanística en vigor. Complétanse así dez anos de intenso traballo e tramitación, tal e como salientou a conselleira, co obxectivo de dotar ao municipio dun marco urbanístico coherente, actualizado e que outorgue seguridade xurídica para evolucionar durante os próximos 20 anos.
Entre as principais propostas incluídas no PXOM, cómpre subliñar o potenciamento do crecemento municipal vinculado a actividades como o turismo rural, o ecoturismo e as industrias de transformación do sector primario; a planificación de vivenda colectiva no núcleo urbano de Pontepedra; e a delimitación de catro sectores de solo urbanizable industrial para favorecer o asentamento de empresas.
Ao amparo desta nova ordenación do municipio, o Concello de Tordoia ten previstos novos e importantes investimentos en materia urbanística. Concretamente, prevese a creación de dúas zonas verdes xunto á piscina e na contorna do río Pontepedra; a dotación dun punto limpo no futuro polígono de Cabaleiros; a posta en marcha dunha depuradora na parroquia de Bardaos; a ampliación do centro de saúde; ou a creación dun centro sociocomunitario.
Así mesmo, dado o carácter eminentemente rural e agrogandeiro de Tordoia, o 94,87% dos 124,5 quilómetros cadrados de superficie do termo municipal queda clasificado como solo rústico, o 4,76% como núcleo rural e o 0,37% restante como solo urbano ou urbanizable. Neste sentido, o novo PXOM prevé un crecemento máximo de 569 vivendas nos próximos 20 anos, reserva 68.037 metros cadrados a espazos libres e zonas verdes e algo máis de 54.000 metros cadrados ao sistema xeral de equipamentos comunitarios.
Por último, Ángeles Vázquez trasladoulle ao alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, a súa satisfacción polo esforzo realizado desde o goberno municipal co obxectivo de garantir que o concello poida contar a partir de agora cun instrumento de ordenación integral do que se beneficiarán directa ou indirectamente os seus máis de 3.500 habitantes. Neste sentido, lembrou tamén o apoio técnico e económico brindado desde o seu departamento, que financiou o 100% dos custos de redacción do plan con preto de 89.000 euros.
Ningún concello sen PXOMCoincidindo coa aprobación definitiva do PXOM de Tordoia, a conselleira de Medio Ambiente lembrou a aposta decidida que está a facer a Xunta desde o ano 2009 co fin de dotar a Galicia dun novo marco normativo en materia urbanística.
Neste contexto e co fin de alcanzar o obxectivo de “ningún concello sen PXOM”, Vázquez Mejuto subliñou que no que vai de lexislatura (desde novembro de 2016) xa foron aprobados dez planeamentos xerais que se suman aos 68 que o actual goberno da Xunta sacou adiante desde o ano 2009.
Así mesmo, tamén se referiu aos avances máis recentes en materia de normativa urbanística. Concretamente, a conselleira lembrou a aprobación do Plan Básico Autonómico, que entrou en vigor o pasado mes de outubro para substituír ás xa obsoletas normas subsidiarias de planeamento provinciais de 1991, ou aos avances para que en 2019 poidan saír adiante os primeiros Plans Básicos Municipais, instrumentos pensados para os concellos de menos de 5.000 habitantes que carecen de ordenación urbanística propia.
- Te recomendamos -