A Consellería porá en marcha a ferramenta en inglés ao longo do mes de decembro
A Consellería do Mar porá en marcha durante o Nadal a versión en inglés da aplicación móbil Non piques, non peques. Esta ferramenta contén información sobre as vedas, os talles mínimos e o período óptimo de consumo das principais especies da pesca e do marisqueo que se comercializan en Galicia e desde a súa posta en marcha foi descargada preto de 10.200 veces.
A Xunta impulsa esta versión en inglés coincidindo coas datas próximas ao Nadal co obxectivo de difundir as súa utilidade entre a cidadanía en xeral e tamén entre as persoas que visiten Galicia durante as vacacións de Nadal. Así, as persoas que descarguen esta aplicación poderán atopar nela información sobre as mellores épocas para comprar e consumir peixes e mariscos capturados na nosa comunidade ao tempo que axuda a identificar de xeito sinxelo, visual e ameno as distintas especies e a coñecer cales están en veda. Ademais contén información sobre os tamaños mínimos legais para o seu consumo.
Do mesmo xeito que nas versións en galego e en castelán, na versión en inglés poderanse consultar 53 fichas individuais de distintas especies da pesca e o marisqueo en Galicia. A estas especies que se poden consultar na app engadiranse en posteriores actualizacións outras 31 novas.
Estas especies que se engadirán son: a acedía, a agulla, o alcrique, a ameixa bicuda, a anguía, a bertorella de rocha, o bocarte, o ameixón, o rabioso, o caramuxo, o carneiro, a castañeta, o choquiño, a choupa peixe, a cornicha, o curuxo, o dentón, o escacho, o escarapote de pedra, o mero, a lamprea de mar, a lapa común, o longueirón vello, o melgacho, o bonito alistado, o peixe porco, a pota común, o prago, o reló, a xuliana e o mexillón.
A aplicación funciona como unha guía sinxela que unha vez descargada se pode consultar sen ter conexión a internet. A súa descarga tamén é sinxela e totalmente gratuíta. Tan só hai que premer na tenda correspondente en cada dispositivo móbil -Play Store, no caso dos sistemas Android, na App Store, no caso de iOS e na Microsoft Store en Windows Phone-, teclear Non piques, non peques e iniciar a descarga.
- Te recomendamos -