O secretario xeral de Política Lingüística asistiu á nova actividade de dinamización lingüística que chegará, tamén da man dos Bolechas, durante este mes a oito concellos da RDL e a outros tantos centros de ensino dependentes de Educación
A nova actividade Terrícolas, igualiños, igualiñas arrancou hoxe no Auditorio Carmen Estévez de Vilalba para pórlle o ramo ao programa de dinamización lingüística FalaRedes 2018, co que chegará este mes a oito concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) e a oito centros de ensino coa colaboración da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. A función contou coa asistencia do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e coa do alcalde, Agustín Baamonde.
A actividade, destinada a público familiar con cativada desde os 4 anos, xira arredor da historia dun extraterrestre que chega á Terra coa intención de invadila porque entende que os e as terrícolas non teñen moito respecto por ela: contamínana e son egoístas, pouco solidarios e malos cidadáns e cidadás. Os Bolechas dinlle que é inxusto xulgar a toda a xente polo que fan algúns, e para demostrarlle que hai xente boa que sabe comportarse e facer as cousas ben, botarán, como sempre, man do público a través dun concurso participativo.
Poderase gozar nas vindeiras semanas con entrada libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos programados, ademais de en Vilalba, nos concellos da Laracha (mañá, venres 7, na Casa da Cultura, ás 18,00 h); Mondariz (o sábado 15, no Auditorio Municipal, ás 17,30 h); Castrelo de Miño (o domingo 16, no salón de actos do Concello, ás 18,00 h.); e mais nos de Cerceda, Abegondo, Mos e Vilanova de Arousa.
Toda a información sobre o programa FalaRedes e sobre a nova actividade no Portal da Lingua Galega e no web osbolechas.gal/terricolas.
- Te recomendamos -