Inicio Galicia A Xunta prevé que o sector do percebe remate o ano cuns...

A Xunta prevé que o sector do percebe remate o ano cuns ingresos por venda en lonxa similares aos do último quinquenio

0

A conselleira resaltou que a campaña deste crustáceo está en cifras de facturación por riba da media do último lustro sen contar os datos de decembro, o mes máis importante do ano para o sector


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, sinalou hoxe no Parlamento que a Xunta prevé que o sector do percebe remate o ano cuns ingresos por vendas deste crustáceo en lonxa semellantes aos dos últimos cinco anos. Son as estimacións que manexa o Executivo galego tendo en conta que quedan por contabilizar os datos de decembro, mes no que se adoita capturar arredor do 11% do crustáceo e que supón o 16% da facturación de todo o ano. Cos datos consolidados a 1 de novembro, a facturación supera xa a media do último lustro, polo que todo parece indicar que coa incorporación dos datos da campaña de Nadal esta cifra será superada se as previsións meteorolóxicas non inflúen negativamente nas capturas.

A titular de Mar sinalou que os datos amosan que, “sen ser un ano punteiro, 2018 non está fóra dos parámetros normais da serie histórica de actividade dos últimos 15 anos e, especialmente, do último lustro”. A maiores aproveitou para destacar que a Consellería do Mar conta cunha rede de biólogos de zona que se coordinan cos das confrarías e que se encargan de garantir que a extracción de percebe se realiza cunha sustentabilidade ambiental plena.

Outro indicador de evolución da actividade que destacou a conselleira é que en 2019 está prevista a aprobación de 37 plans de xestión de percebe en toda a costa de Galicia -nas modalidades de extracción a pé, dende embarcación ou conxuntos- e que das propostas achegadas polas confrarías non se ve vontade de reducir o esforzo como resposta a unha menor capacidade produtiva.

De feito, ademais da cobertura das vacantes que se produzan no marco dos plans, as confrarías solicitaron aumentos dun total de 10 permisos de percebeiros a pé, 21 embarcacións e 52 tripulantes. Os topes de extracción e as xornadas de traballo programados polo sector tampouco baixan e, remarcou Rosa Quintana, son plans idénticos na planificación extractiva aos de anos anteriores.“Esta situación non se daría se o recurso estivese particularmente en mal estado”, resumiu a conselleira, xa que “todos os plans se desenvolven baixo a supervisión dos biólogos da consellería e das confrarías, que deron o seu visto e prace aos mesmos”, subliñou.


- Te recomendamos -