Inicio Galicia Medio Rural destinará cinco millóns de euros en 2019 ás axudas para...

Medio Rural destinará cinco millóns de euros en 2019 ás axudas para fomentar e facer promoción do sector do viño

0

O conselleiro José González dixo no Parlamento que estes fondos se distribuirán en dúas liñas, unha para a mellora da elaboración e comercialización e outra para a promoción en terceiros países

A Consellería do Medio Rural destinará un total de cinco millóns de euros o vindeiro ano ás axudas para o sector galego do viño. Estes fondos servirán tanto para fomentar este eido produtivo como para impulsar a súa promoción nos diferentes mercados, segundo explicou esta tarde no Parlamento o conselleiro José González, en resposta a unha pregunta sobre a vendima deste ano.

Así, o titular de Medio Rural sinalou que son dúas as liñas de apoio a este sector, unha para a mellora de instalacións de elaboración e comercialización dos produtos vitivinícolas e outra para medidas de promoción en terceiros países, fóra da Unión Europea. Con estes datos, dixo o conselleiro, “o noso compromiso co sector está fóra de toda dúbida”, un apoio que –engadiu– vaise manter no futuro, porque “estamos convencidos de que o viño é un dos grandes valores do agro galego”.

Sobre os resultados da vendima de 2018, José González fixo unha valoración “moi positiva, tanto en cantidade como en calidade”. Así, sinalou que a colleita medrou por riba do 4% en relación coa anterior campaña ata situarse, con 64 millóns de quilos de uva, como a segunda máis abondosa da historia, despois da de 2011. Neste sentido, salientou tamén que esta última vendima colocouse case un 10% por riba da media do decenio 2009-2018.

Ademais, o conselleiro confirmou o liderado que dende hai algo máis dunha década mantén a Denominación de Orixe Rías Baixas, xa que produce máis do 60% do total da uva das cinco denominacións galegas. Tamén explicou que as variedades de cultivo tradicional, potencialmente produtoras de viños de calidade, seguen a ter un peso fundamental no conxunto da vendima, como é o caso da uva albariña en brancos (supón o 71% da uva branca total) ou a mencía en tintos (representa máis do 79% da uva tinta total).

Por último, o titular de Medio Rural fixo balance tamén da produción das indicacións xeográficas protexidas Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense e Ribeiras do Morrazo. Así, explicou que nestas zonas medrou a uva recollida en preto do 20%, pasándose en conxunto de case 122 toneladas a preto de 146, contabilizando só as tres IXP que tiveron rexistros nos dous últimos anos, xa que a de Ribeiras do Morrazo é a primeira vez que recolle uva.


- Te recomendamos -