Así o destacou o conselleiro, Jesús Vázquez Almuiña, no Parlamento de Galicia, donde falou da xestión do Goberno galego en materia sanitaria, remarcando que a sanidade pública é un dos servizos mellor valorados pola cidadanía
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia, para informar da xestión do Goberno en materia sanitaria. Ao respecto, destacou que, na actualidade, na sanidade pública traballan 1.544 profesionais máis que no 2008, ademais, do incremento do cadro de persoal, o Sergas aprobou a carreira profesional, o plan de estabilidade e as ofertas públicas de emprego anuais. Tamén lembrou, o conselleiro, que o informe sobre listas de espera do conxunto das comunidades autónomas referido ao primeiro semestre do ano reflicte que Galicia é a cuarta de España con menos demora media.
Almuiña subliñou que a sanidade pública galega é un dos servizos públicos mellor valorados pola cidadanía, ademais de ser unha prioridade para este Goberno, como o demostra o feito de que a Xunta de Galicia inviste máis do 40% do seu orzamento en sanidade.“Non hai discusión sobre a capacidade e a competencia dos nosos profesionais demostrada cada día. Co seu traballo e cos medios á súa disposición, prestan unha atención de máxima calidade”, -dixo o titular da carteira sanitaria-.
Almuiña remarcou que os indicadores de saúde en Galicia non só se manteñen senón que melloran ao longo do tempo. Mellora na que o sistema sanitario ten o seu papel.
O conselleiro destacou os investimentos realizados pola Xunta para mellorar infraestruturas, o que está a dar lugar a novos hospitais que se sitúan na vangarda dende o punto de vista das instalacións e da tecnoloxía. Tamén remarcou os novos centros de saúde postos en marcha, así como as melloras en moitos dos existentes.
Funcionamento satisfactorio para a cidadanía galegaSegundo Almuiña, tal e como se desprende do Barómetro Sanitario, o funcionamento do sistema é satisfactorio para a maioría da cidadanía. Así, nunha escala de 1 a 10, o 86% das galegas e galegos danlle á nosa sanidade unha puntuación igual ou maior de 5, e un 52% igual o maior de 7. A media de Galicia é de 6,49 puntos sobre 10, sendo o ano 2017 o que conta coa valoración máis elevada. Tamén destacou o titular da carteira sanitaria a alta valoración que recibe a atención primaria (7,54), con máis dun 88% dos usuarios e usuarias deste servizo que consideran que a atención prestada foi boa ou moi boa.
Igualmente, Almuiña remarcou que máis do 78% dos pacientes que foron atendidos nas consultas externas hospitalarias dixeron recibir unha atención boa ou moi boa. Polo que se refire ás persoas que estiveron ingresadas, o 72% manifestaron recibir unha atención boa ou moi boa. Respecto dos pacientes atendidos nos servizos de urxencias, o 84,7% dixeron que tiveron unha boa ou moi boa atención. Con todos estes datos, o conselleiro remarcou que, aínda habendo sempre marxe para a mellora, a sanidade pública de Galicia é un dos servizos mellor valorados pola cidadanía.
Para rematar a súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego dixo que o seu departamento non pode ser conformista, e amosouse orgulloso de vivir nunha sociedade na que a sanidade pública é a prioridade non so das galegas e galegos senón, tamén, do seu Goberno.
A cidadanía galega pode estar segura de que a sanidade é unha prioridade para o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo e así seguirá sendo, -concluíu Almuiña-.
- Te recomendamos -