Jacobo Sutil participou na presentación en Pontevedra da terceira edición de Novos Cinemas, onde explicou que a convocatoria de axudas de 2019 contará cun orzamento de 170.000 euros
As subvencións da Xunta a festivais audiovisuais, convocadas cada ano a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), estarán dotadas en 2019 con 170.000 euros, cifra que supón un incremento dun 21% respecto dos 140.000 euros adxudicados este ano. Así o anunciou hoxe o director da Agadic, Jacobo Sutil, na presentación da terceira edición de Novos Cinemas-Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, que terá lugar do 11 ao 16 de decembro, onde adiantou ademais que a nova convocatoria se fará pública nas vindeiras semanas.
A través desta liña de axudas, “o apoio da Xunta concéntrase nunha serie de festivais audiovisuais considerados de carácter estratéxico para o sector cultural en xeral, co obxectivo de favorecer a súa crecente consolidación”, sinalou Sutil, quen tamén explicou que, ao cumprir a súa terceira edición, o evento pontevedrés está xa facultado para optar a esta convocatoria, dirixida a certames que teñan lugar do 1 de novembro de 2018 ao 31 de outubro do ano que vén e que conten cun mínimo de dúas edicións anteriores celebradas, entre outros requirimentos.
Puxo énfase, así mesmo, en que a aposta da Agadic por cada un dos encontros subvencionados –oito en 2018– “supón un recoñecemento obxectivo ás súas traxectorias e ás súas repercusións cultural, económica e social”, ademais de optimizar, sistematizar e garantir a transparencia na adxudicación dos recursos públicos.
Impulso aos valores emerxentesEn canto a Novos Cinemas, organizado pola produtora pontevedresa Matriuska, subliñou o seu papel como plataforma de proxección para os valores emerxentes do audiovisual, que este ano se reflicte especialmente no reforzo dos seus apartados de proxectos en desenvolvemento e no aumento do número de películas en proxección, 13 delas inéditas en Galicia.
A representación galega na programación deste ano correrá a cargo de realizadores como Eloy Enciso, Jaione Camborda, Eloy Domínguez Serén ou Diana Toucedo, quen competirá na sección oficial con Trinta lumes, filme que contou co apoio económico da Agadic tanto para o seu proceso de produción como para a difusión da súa estrea na sección Panorama da última Berlinale.
Jacobo Sutil incidiu, así mesmo, no valor de futuro que supón que o festival lle conceda unha gran importancia á formación audiovisual desenvolvendo unha iniciativa que se estende máis alá das datas do certame a través da estreita colaboración coa Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.
Ademais, aproveitou a súa participación neste acto para adiantar que en 2019 se porá en marcha unha extensión da programación do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) no Cineclube Pontevedra, que se sumará así ás outras tres que a filmoteca galega mantén fóra da súa sede na Coruña en colaboración cos cineclubs de Ourense, Lugo e Vigo.
- Te recomendamos -