Esta actuación, que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade financia nun 80%, contribúe á mellora dos accesos ao colexio público e ao centro cívico, ademais do entorno da praza da Pontiña
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xunto co Concello de Leiro está a executar obras de mellora das rúas Casanova e Leiro Pequeno, ao abeiro dun convenio de colaboración asinado entre os representantes de ambas as dúas institucións e que establece un investimento conxunto de 118.671 euros. Esta mañá a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada do alcalde do municipio, Francisco José Fernández, e a xefa territorial de Infraestruturas, Alicia López, supervisou o o desenvolvemento dos traballos.
Segundo o convenio asinado a pasada primavera, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achega o 80% do custo da actuación (case 95.000 euros) e o 20 por cento restante o Concello de Leiro. Este acordo permitiu acometer as obras de acondicionamento do tramo inicial da rúa Casanova, que conecta coa praza da Pontiña e coa rúa Estévez Carrera, e o arranxo da rúa Leiro Pequeno, mellorando o acceso ao centro escolar e ao Centro Cívico.
A delegada territorial explicou que estas actuacións teñen como finalidade o mellor acondicionamento das vías para uso de tráfico rodado e peonil, dado que o pavimento estaba bastante deteriorado, con multitude de parches e fochas. Así, os traballos que se están a realizar permitirán dotar ás rúas de novo pavimento, revisar as redes de saneamento fecais e pluviais, preinstalar arquetas de rexistro e tubaxes para redes de telefonía ou similares e substituír as actuais luminarias por outras de menor consumo.
Díaz Mouteira indicou que con esta intervención o Goberno galego, en colaboración co Concello de Leiro, trata de fomentar actuacións que resolvan problemas nas infraestruturas, coa finalidade dun desenvolvemento económico e social que aporte unha maior calidade de vida á cidadanía.
- Te recomendamos -