A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza colaborou con 35.500 euros nos gastos de adquisición deste vehículo
O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a xefa territorial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Marta Mariño, fixeron hoxe entrega ao Concello de Moaña dun todoterreo tipo pick-up destinado á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Esta adxudicación faise mediante o convenio subscrito o pasado 21 de maio de 2018, polo que o Goberno galego comprometeuse a colaborar, en materia de Protección Civil e Emerxencias, nos gastos de adquisición deste vehículo cunha achega de 35.500 euros.
No acto de entrega, que tivo lugar ás portas do Consistorio moañés e contou coa presenza da alcaldesa, Leticia Santos, o representante autonómico destacou o compromiso da Administración autonómica coas asociacións de Protección Civil que responden a diario ás emerxencias. Un compromiso que se traduce, dixo, en dotalas co equipamento necesario para garantir a súa eficacia e efectividade.
Por último, López-Chaves subliñou a recente cesión a Moaña, ao abeiro da ORDE do 2 de agosto de 2018, dun remolque para a súa utilización pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e servicios de emerxencia deste concello.É preciso sinalar que estes remolques contan cunhas características específicas que os fan idóneos para a intervención nas emerxencias, principalmente producidas debido a temporais e inundación, xa que están equipados con electro bomba somerxible, motobomba para augas residuais, xerador de electricidade portátil de gasolina, motoserra, rozadora manual, torre de iluminación e kit de balizamento e sinalización. Asemade, ao ser dunhas dimensións reducidas poden desprazarse a calquera núcleo de poboación, aínda que as vías sexan estreitas.
O obxectivo é que estes equipamentos de emerxencias sexan utilizados polas AVPC en programas de prevención de riscos e primeiras intervencións en emerxencias, fundamentalmente provocadas por fenómenos meteorolóxicos adversos ou incendios forestais, previndo danos aos cidadáns, aos seus bens e ao ambiente ou, no caso de que estes se actualicen, a minorar as súas consecuencias no posible.
- Te recomendamos -