Inicio Galicia Feijóo enxalza o papel da Constitución e do Estatuto de Autonomía para...

Feijóo enxalza o papel da Constitución e do Estatuto de Autonomía para progresar xuntos e transformar por completo a fotografía de Galicia e de España

0

Asevera que a Comunidade non só se conforma con innovar nos sectores tradicionais, senón que tamén aposta por facelo en sectores emerxentes como o da biotecnoloxía ou o sector aeronáutico, a través do polo aeroespacial de Rozas


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe o papel da Constitución e do Estatuto de Autonomía para progresar xuntos e transformar por completo a fotografía de Galicia e de España, tanto no ámbito científico como noutros moitos ámbitos que se beneficiaron dos seus avances.

Durante a inauguración da exposición Ciencia e Tecnoloxía en Democracia 1978-2018, Feijóo aseverou que esta mostra proba como a innovación é unha oportunidade para medrar e ser máis competitivos nos sectores estratéxicos da nosa economía. Así, recordou que grazas á innovación, Galicia pasou dunha agricultura e gandaría de subsistencia a converterse na primeira comunidade en produción láctea e na oitava potencia de Europa en produción forestal; o sector naval galego atópase á cabeza do Estado no que á construción de barcos se refire, acumulando máis do 40% da carteira de pedidos de España; e PSA pasou de fabricar 150.000 vehículos ao ano en 1978 a producir tres veces máis.

Así mesmo, aseverou que a Comunidade non só se conforma con innovar nos sectores tradicionais, senón que tamén aposta por facelo en sectores emerxentes como o da biotecnoloxía, coa primeira incubadora de fármacos de España ou coa recente incorporación das universidades de Vigo e Santiago en dous consorcios europeos para as infraestruturas de investigación; ou o sector aeronáutico, a través do polo aeroespacial de Rozas.

O titular da Xunta resaltou que para acadar todo isto, a Comunidade conta hoxe con seis centros tecnolóxicos e tres centros de apoio á innovación que facilitan a transmisión dos coñecementos ao tecido industrial; e fomentan a internacionalización das empresas.“Galicia sitúase así como a segunda comunidade con maior incremento no gasto en I+D, cun investimento que medra un 13,3%”, abundou, referíndose tamén á posta en marcha de iniciativas como o Plan Innova 2020, cuxo obxectivo é impulsar a xeración e transferencia do coñecemento especializado e captar e reter talento, cunha mobilización de 1.775 millóns de euros.

En relación ao Plan StartIN Galicia, resaltou que abrangue un conxunto de nove aceleradoras que permitiron a posta en marcha de máis de 900 proxectos empresariais nos últimos cinco anos. E sobre as unidades mixtas, recordou que permiten conectar as universidades cos centros tecnolóxicos.

Por último, e para fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas nos centros de ensino, co obxectivo de que a ciencia e a tecnoloxía sigan formando parte do ADN da economía galega, Feijóo destacou a Estratexia galega para a educación dixital 2020, dotada con máis de 50 millóns de euros para o período 2018-2020. 


- Te recomendamos -