De acordo cos profesionais, institucións e sociedade, A Coruña terá un novo hospital, “un complexo hospitalario público na cidade con dúas opcións: ampliar ata 50.000 m2 a superficie actual ou propoñer un novo emprazamento”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe, durante unha xuntanza co alcalde Xulio Ferreiro avances nos proxectos fundamentais para a cidade e novas iniciativas para facer unha A Coruña con máis benestar, máis servizos e con máis infraestruturas e mobilidade, nesta liña aseverou que a Xunta ten investidos máis de 300 millóns desde 2009, aos que se sumarán, como mínimo, 260 millóns máis, que xa están en marcha ou previstos.
Durante a reunión, o titular da Xunta referiuse en primeiro lugar a Alcoa, ao futuro da fábrica e aos traballadores que ven en risco os seus empregos. Ao respecto, incidiu na necesidade de que a compañía negocie sen ultimatos e, simultaneamente, o Goberno central estableza un marco do prezo da enerxía para as empresas electrointensivas, “xa que sen el estamos facilitando a marcha de Alcoa e poñendo en cuestión o mantemento de 5.000 postos de traballo en Galicia”, abundou.
Máis benestarFeijóo reiterou que a prioridade da Xunta na Coruña é continuar mellorando os servizos públicos, como proban os 50 millóns de euros que entre 2009 e 2015 se investiron na cidade nesta materia e que fixeron posible: que estean funcionando as novas urxencias, que multiplicaron por 5 a superficie anterior; o novo bloque cirúrxico, con 15 novos quirófanos (incluído o híbrido de última xeración); o novo servizo de radiodiagnóstico; a nova central de esterilización; ou tamén o novo centro de saúde en Novo Mesoiro.
Nesta mesma liña, o responsable do Goberno galego solicitou ao Concello unha localización axeitada para poder facer un novo centro de saúde na zona de Federico Tapia, ao que engadiu que a Administración autonómica está a executar as obras das urxencias do Materno-infantil, que xa están na súa fase final grazas a un investimento de 1,2 millóns de euros.
E tamén reiterou a decisión de continuar coa renovación das instalacións do hospital universitario da Coruña que, cun investimento de 11,4 millóns de euros – 7 xa están licitados- incluirá melloras tan importantes como a reforma do hospital de día.
Así mesmo, constatou a iniciativa da Xunta de facer un novo hospital na Coruña, “un complexo hospitalario público na cidade con dúas opcións: ampliar ata 50.000 m2 a superficie onde está actualmente o hospital, ocupando solares adxacentes; ou propoñer un novo hospital nun novo emprazamento”, contando coa participación dos profesionais, as institucións e a cidade.
No ámbito da educación pública, aseverou que a principal actuación de futuro nesta materia é a construción do novo colexio en Novo Mesoiro. Así, avanzou que esta infraestrutura, cuxa previsión é que estea en funcionamento para o curso escolar 2020/21, conte cunha capacidade para 450 alumnos. En materia de benestar, Feijóo subliñou que, se ben o balance dos últimos anos inclúe tres novas escolas infantís públicas e dous novos centros de día. O obxectivo do Executivo autonómico é seguir incrementando o acceso dos coruñeses aos servizos públicos e, con ese fin, impulsarase nesta lexislatura unha nova residencia de maiores na cidade; un proxecto que conta xa cos terreos, e que “esperamos poder licitar nos primeiros meses de 2019”.
Máis servizosEn relación á vivenda, o titular do Goberno galego recordou que xa se están a construír as vivendas de promoción pública no Parque Ofimático. Unha iniciativa que porá á disposición dos cidadáns que máis o precisan 40 vivendas de promoción pública. “E xa temos en tramitación a futura Lei de rehabilitación, que permitirá declarar unha área Rexurbe nesta cidade”, dixo, precisando a intención de comezar polo barrio do Orzán, ademais de subliñar as actuacións nas novas áreas de rehabilitación integral xa declaradas na Coruña -Casas de Franco, Labañou e Núcleo de Elviña-.
E, co fin de prestar un mellor servizo aos cidadáns que teñan máis dificultades para acceder a unha vivenda, Feijóo pediu ao alcalde que o Concello se incorpore –como xa fixeron moitos outros concellos- ao Programa de vivendas baleiras, posto en marcha de acordo coa Fegamp.
En relación á mobilidade na área da Coruña, o presidente da Xunta referiuse á conexión da Vía Ártabra coa N-VI, que se licitará este mesmo mes no treito que depende da Administración autonómica. “E seguiremos reclamando ao Goberno central no relativo á conexión coa AP-9 que lle compete”, engadiu.
Feijóo destacou tamén o Plan de sendas na comarca, con actuacións en case 6 quilómetros -unha das máis importantes, a pasarela entre A Grela e Marineda que estará finalizada no primeiro cuadrimestre de 2019-; ou os avances na mellora dos accesos ao Polígono de Sabón, a ampliación da avenida da Deputación e o terceiro carril en dirección Fisterra. Sobre a ampliación de Alfonso Molina, Feijóo incidiu na necesidade de que se desbloquee no menor tempo posible.
Ao longo da xuntanza, e en relación á estación intermodal, o responsable autonómico lamentou os atrasos ante as discrepancias co Concello, e trasladou tres propostas: pechar o convenio canto antes, concretando as responsabilidades de cada Administración e cun investimento da Xunta de 15 millóns de euros; licitar posteriormente o proxecto básico; e valorar para “gañar uns meses” a posibilidade de tramitar a intermodal pola Lei de obras de interese público ou por unha modificación puntual do PXOM.
En materia de mobilidade, ambos falaron tamén do transporte, constatando que o transporte metropolitano que funciona desde 2011 segue a ser un éxito. E confirmaron tamén que a penetración do transporte metropolitano na cidade foi ben recibida entre os veciños e está funcionando de maneira axeitada. Non en van, só nas liñas incluídas na 1ª fase rexistrouse un incremento dos viaxeiros nun 10 %.
Así mesmo, Alberto Núñez Feijóo animou ao alcalde a que estenda a gratuidade das liñas urbanas aos menores de 19 anos, tendo en conta que é unha competencia do Concello, “como facemos nós nos treitos interurbanos que son competencia da Xunta”. E, no tocante á unha posible creación da Área Metropolitana da Coruña, trasladou a necesidade de que sexa acordada por todos os concellos.
Na reunión, ambos abordaron tamén os temas relacionados co saneamento, recordando que a Xunta xa acometeu todas as actuacións de responsabilidade autonómica, tras un investimento de máis de 100 millóns na ría do Burgo. “En novembro completáronse as últimas obras: o tanque de tormentas en Santa Cruz, e os bombeos do Temple e da Pasaxe. E o que queda agora é acometer a dragaxe da ría, unha actuación que debe acometer o Goberno central”, asegurou.
Por outra banda, comentou varios temas ao respecto de diferentes edificios ou proxectos de interese para a cidade, entre os que destacou o peche do Museo de Arte Contemporánea. “Unha decisión que a Xunta non comparte”, reiterou, insistindo na necesidade de que a empresa estableza unhas pautas de mantemento da colección que está no edificio.
Feijóo fixo fincapé no compromiso da Xunta coa reforma do edificio Gregorio Hernández; unha actuación que cun investimento de máis de 6,5 millóns de euros reformará a antiga sede da Consellería de Sanidade para poñer á disposición dos coruñeses, entre outros servizos, unha área para menores e persoas en exclusión, outra para formación, e outro para instalar a base do 061.
Por último, lembrou a necesidade de, entre todos, ser capaces de buscar unha solución no relativo aos terreos da Solana, un proxecto fundamental para o futuro da Coruña. Ao respecto, recordou o acordo firmado co Ministerio de Fomento con dous obxectivos: asegurar o financiamento público da conexión ferroviaria desde o porto actual da Coruña ao porto exterior por un importe de 140 millóns, e un investimento da Xunta de 20 millóns de euros para recuperar para a cidade o porto interior.
- Te recomendamos -