Inicio Galicia A Xunta reitera o seu compromiso con Down Galicia para que ter...

A Xunta reitera o seu compromiso con Down Galicia para que ter diferentes capacidades non signifique ter menos oportunidades

0

Nestes momentos está aberta unha segunda convocatoria específica de emprego para este colectivo dotada con 24 prazas

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, garantiu o apoio ás entidades de Down Galicia dentro do compromiso da Xunta para que ter diferentes capacidades non signifique ter menos oportunidades. Fíxoo durante a clausura dunha xornada organizada pola asociación Teima de Ferrol baixo o epígrafe En primeira persoa, na que se deron a coñecer experiencias na familia, na escola e na empresa de persoas con síndrome de Down.

Na súa intervención, Arturo Parrado enxalzou o traballo que realizan as entidades que desenvolven todos os días a súa activade ao carón das persoas e das familias que máis precisan de axuda, como é o caso de Teima. Ademais, indicou que atender as necesidades das persoas con discapacidade é un das prioridades das políticas sociais do Executivo autonómico, posto que o obxectivo é que a igualdade real de oportunidades chegue a todos os galegos e galegas.

Nesta sentido, o director xeral destacou os esforzos da Xunta para superar a barreira que supón o acceso ao mercado laboral para estas persoas. De feito, nestes momentos a Xunta ten aberta unha segunda convocatoria específica de emprego para persoas con discapacidade intelectual dotada con 24 prazas. Así mesmo, está en marcha unha bolsa de emprego para a provisión temporal de postos de traballo dirixida tamén de maneira exclusiva para este colectivo.

Por último, Arturo Parrado subliñou que en 2019 a Consellería de Política Social destinará 106 millóns de euros á mellora da atención da discapacidade, un 63% máis que hai nove anos. Esta maior marxe económica permitirá, entre outras medidas, consolidar a oferta de prazas públicas ou ampliar a rede de unidades de atención temperá para dar servizo a 92 concellos galegos, seis veces máis dos que estaban cubertos por esta prestación en 2009.


- Te recomendamos -