Inicio Galicia Feijóo apunta como reto do Igape para a vindeira década promover a...

Feijóo apunta como reto do Igape para a vindeira década promover a plena converxencia do ámbito universitario e científico co tecido empresarial

0

Precisa que para dar un novo impulso á Industria 4.0 se destinarán en 2019, 40 millóns para que as empresas poidan investir en dixitalización e para convocar o Programa fábrica intelixente


O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apuntou hoxe que o reto do Igape para a vindeira década está en promover a plena converxencia do ámbito universitario e científico, co tecido empresarial. “Aliñar o sistema universitario, a formación profesional, os centros tecnolóxicos, en definitiva, a formación e o coñecemento co tecido empresarial”, dixo, precisando que iso será sinónimo dunha I+D+i aplicada á industria e aos retos sociais; dunha maior transferencia de coñecemento entre o ámbito científico-tecnolóxico e o sector produtivo; de máis emprego cualificado; e, sobre todo, dun mercado laboral en sintonía coas necesidades reais das empresas.

Durante o acto de celebración do 25 aniversario do Instituto Galego de Promoción Económica, Feijóo precisou que para dar un novo impulso á Industria 4.0 se destinarán en 2019, 40 millóns de euros para que as empresas poidan investir en dixitalización e para convocar o Programa fábrica intelixente. “E, co obxectivo de seguir apoiando as empresas emerxentes, desenvolveranse laboratorios industriais e comerciais (FAB LABS) que as axuden nos primeiros pasos da súa actividade”, engadiu, recordando que no que vai de ano en Galicia se crearon 3060 novas empresas.

Así mesmo, darase prioridade aos proxectos industriais estratéxicos para a Comunidade a través das Iniciativas empresariais prioritarias, que reducirán automaticamente os prazos de tramitación. E, no eido do financiamento, adxudicaranse un 17% máis de fondos, ata acadar os 60 millóns de euros, para financiar investimentos empresariais e axudar a que o tecido empresarial galego gañe tamaño.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego aseverou que fomentar o emprendemento seguirá a ser outra das principais liñas de acción do Igape, onde ten especial relevancia o servizo de asesoramento que presta a emprendedores e autónomos. Un servizo que se completa con programas como o Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, e con liñas específicas de axuda como os microcréditos. Non en van, máis de 11.000 proxectos de autónomos, emprendedores e microempresas foron financiados polo Igape nestes últimos 25 anos, mediante esta vía.

E, xunto con isto, a rede de aceleradoras de Galicia, baixo a plataforma StartIN Galicia, está a ser un importante nicho de proxectos de emprendemento innovador -900 proxectos nos últimos cinco anos- en sectores estratéxicos.

Feijóo recordou que durante a crise o obxectivo foi facilitar o acceso a financiamento a través da achega de garantías e financiar aquelas actividades e sectores estratéxicos para mitigar neles o efecto da recesión. Así, entre 2008 e 2014, o Igape concedeu 254 millóns en axudas, máis de 1.400 millóns de euros en préstamos incentivados e foron case 2.500 millóns de investimento mobilizado.

Neste ámbito, subliñou que o papel deste instituto deu un considerable salto cualitativo no volume de operacións e na súa contía cando se puxo en marcha o programa de préstamos co Banco Europeo de Investimento (BEI). E, agora, seguindo as pautas da UE, está a xestionar os instrumentos financeiros innovadores (IFIS), que a propia Unión Europea promove en detrimento das axudas a fondo perdido.

Apoio a máis de 81.000 empresas e 14.000 millóns mobilizados O responsable do Executivo autonómico resaltou que ao longo destes 25 anos, este instituto axudou a máis de 81.000 empresas galegas, tanto para facilitarlles acceso a financiamento como para mellorar a súa capacidade produtiva ou a súa competitividade e presenza nos mercados internacionais.

Mobilizáronse en total preto de 14.000 millóns de euros. E os apoios achegados polo Igape foron a través de tres vías: 907 millóns de euros en avais concedidos, 6.400 millóns en préstamos incentivables e máis de 1.800 millóns en axudas. “E apoiáronse case 1.280 proxectos de grande investimento empresarial”, dixo, precisando que só o pasado ano, e dando resposta a máis de 5.600 solicitudes, a través do Igape a Xunta apoiou investimentos empresariais por valor de 220 millóns de euros e destinou 30,4 millóns a préstamos incentivables e 2,2 millóns en avais.

Feijóo reiterou que a misión do Goberno que preside e do Igape foi sempre poñer ao alcance das empresas os recursos financeiros necesarios para crecer, gañar músculo e posicionarse nos mercados. “É dicir, acompañalas”, dixo.

E referiuse tamén á Axencia Industria 4.0., cun orzamento de 52 millóns, máis de 7.000 empresas beneficiadas e 19.300 novos empregos que se crearon no sector industrial desde que se puxo en marcha en 2015. Á Estratexia de internacionalización, para consolidar o crecemento exponencial das exportacións galegas que, desde 2009, aumentaron un 55,3%; e para incrementar o número de empresas exportadoras, que son xa máis de 2.500 as que o fan actualmente de forma regular. E á Lei de implantación empresarial coas facilidades administrativas e as vantaxes fiscais que ofrece.

Feijóo afirmou que todas estas iniciativas acreditan que Galicia intenta ofrecer estabilidade. “E se é así é grazas ao traballo conxunto de todo o tecido empresarial, ao seu esforzo por innovar, ao seu esforzo por abrirse a novos mercados, por incorporar cada vez persoal con talento e por mellorar as credenciais da industria galega e facela máis atractiva para o investimento foráneo”.

Feijóo concluíu destacando e agradecendo o traballo dos profesionais do Igape, dos membros do seu Consello de Administración, de Xesgalicia e dos antigos directores; cunha mención especial para o conselleiro fundador do Instituto Galego de Promoción Económica, José Antonio Orza.


- Te recomendamos -