O Concello de Vigo ten desde o día 13 de novembro sobre a mesa a proposta de acordo de colaboración que remitiu a Xunta conforme o pactado co Ministerio para a Transición Ecolóxica na reunión a tres bandas
A Xunta urxe ao Concello de Vigo a desbloquear o convenio para acadar canto antes unha solución que garanta o abastecemento de auga á zona sur de Pontevedra.
O Concello de Vigo ten desde o día 13 de novembro sobre a mesa a proposta de acordo de colaboración que remitiu a Xunta conforme o pactado co Ministerio para a Transición Ecolóxica na reunión a tres bandas.
Cómpre lembrar que a Xunta, o Concello de Vigo e o Ministerio mantiveron o mes pasado un encontro no que acordaron realizar conxuntamente un estudo de alternativas sen apriorismos para solucionar os problemas estruturais do sistema de abastecemento de auga da área sur de Pontevedra .
O Goberno galego lamenta que o Concello de Vigo tratase posteriormente de vulnerar ese acordo e pretenda deixar fóra da solución aos municipios que se abastecen do encoro de Zamáns.
A Xunta pon á disposición desa búsqueda de solucións o resultado dos seus propios estudos, que apuntan a un transvase desde o Miño como a mellor alternativa a longo prazo.
No que se refire a outros proxectos en materia de infraestruturas, a Xunta mantén o seu apoio á transformación do treito final da autoestrada solicitada polo Concello e así o puxo enriba da mesa, xa o ano pasado, na Comisión conxunta da AP-9.
Non obstante, cabe sinalar que dado o carácter urbano da actuación, pois afecta a vías de titularidade local –a ningunha autonómica-, e que o seu obxectivo é liberar o centro da cidade de tráfico, correspóndelle ao Concello de Vigo definir o tipo de intervención.
- Te recomendamos -