Inicio Galicia Conde destaca que Galicia é unha potencia forestal e chama á unión...

Conde destaca que Galicia é unha potencia forestal e chama á unión de industria e administración para consolidar o seu futuro

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde no ‘Foro Madeira vía de progreso’ no que se analizou o seu papel no desenvolvemento económico de Galicia

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou esta tarde, durante a celebración do Foro Madeira vía de progreso, que Galicia é unha potencia forestal e chamou á unidade de acción de Administración e industria para garantir o seu futuro, xa que lembrou que a madeira é un dos recursos máis valiosos de Galicia e que o deber de todos é defender o monte para que sexa sostible, produtivo e estea máis protexido.

Conde lembrou os datos do último informe elaborado pola Universidade de Vigo e referidos ao ano 2017 que indican que a Comunidade bateu novos récords tanto no volume de cortas -superando por primeira vez os 8,5 millóns de metros cúbicos, preto do 50% nacional-, como de exportacións ao superar os 800M€. Ademais, obtivo o mellor rexistro da última década cunha facturación de 2200M€.

O conselleiro incidiu na aposta da Xunta por esta industria como xeito de apoiar, tamén, o rural axudando a dinamizar a súa economía, a fixar poboación e a crear emprego, riqueza e novas oportunidades. Para Conde, o impulso definitivo virá do fomento da innovación, a diversificación, a formación ou a internacionalización, aspectos que se están a apoiar desde a Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) que xa leva activado investimentos que están a mobilizar preto de 30M€ para que as pemes gañen competitividade a través da innovación; e que promove o primeiro plan sectorial de formación co que se pretende chegar a 5000 profesionais.

Conde tamén explicou as oportunidades que a industria ten en sectores como o contract, o deseño industrial ou a bioeconomía, insistindo en que a clave é equilibrar o crecemento da nosa industria cun aproveitamento sustentable, xa que coa protección do monte “todos saíremos gañando”. Neste sentido pediu un esforzo conxunto e coordinado.


- Te recomendamos -