A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, cun amplo programa de actividades, estará presente no Pazo da Cultura de Pontevedra por cuarto ano consecutivo
A Consellería de Economía, Emprego e Industria estará presente por cuarto ano consecutivo co stand de economía social no Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebra en Pontevedra desde mañá e ata o domingo.
Trece representantes de entidades e asociacións de Galicia do eido cultural pertencentes ao sector da economía social terán ocasión de expoñer os seus servizos e produtos no stand que se instalará no Pazo da Cultura e que conta, ademais, cunha programación propia para visualizar e promover un modelo de negocio no que as persoas son o eixo central.
En concreto, estarán representadas once cooperativas (7H Cooperativa Cultural; Adelante; Charlatana, Cooperativa Galega de Artistas; Cestola na Cachola; D-Raíz; Miraxe; Miudiño; O Cable inglés; Plano Pementa; Urdime e Xeitura), a sociedade laboral DezdeDez e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (Aeiga), ademais da Rede Eusumo coa que a Administración autonómica promove a economía social e o cooperativismo.
Entre as actividades programadas resaltan, entre outros, unha actuación artística coordinada por 7H Cooperativa Cultural a través da que o stand de economía social irá mudando de cor durante os tres días da feira ou a sinatura do disco Unha Illa de Mielitza, a cargo de DezdeDez Sociedade Laboral. Así mesmo, celebrarase Des)Botar, un obradoiro de creación familiar desenvolvido pola cooperativa Plano Pementa e Romaniqueando, un taller para crianzas a cargo de Xeitura. Presentarase tamén Elas son artistas, o primeiro festival metropolitano pola igualdade na música e nas artes. Espazocoop presentará a súa sectorial de Cultura e 7H, xunto con Urco editora, levarán a cabo un obradoiro para nenos e nenas sobre as mulleres da historia.
O lema este ano da feira é Ti marcas o compás, co que se espera potenciar a participación do público. Portugal é nesta edición o país convidado. A feira contará con máis de 90 expositores repartidos en 130 stands e un programa de actividades dirixidas tanto a profesionais como ao público en xeral, establecéndose de novo como punto de encontro indispensable para o diálogo entre representantes da economía social e das empresas, as institucións e a cidadanía.
- Te recomendamos -