Os datos do IGE constatan que a economía galega segue medrando con forza grazas á demanda interna e ao bo comportamento das exportacións
A economía galega acadou no terceiro trimestre do ano un crecemento anual do 2,6%, por riba do acadado pola media española, e creou máis de 16.000 postos de traballo equivalentes a tempo completo en comparación co mesmo período de 2017, segundo as contas económicas trimestrais do Instituto Galego de Estatística (IGE).
Os datos do IGE publicados hoxe constatan que a economía galega mantén un ritmo de crecemento por riba do establecido no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020, que prevé un incremento medio do 2,5%. Galicia continúa nunha senda de forte crecemento e segue medrando a maior ritmo que a economía española, pese á desaceleración rexistrada no conxunto do Estado nestes últimos trimestres.
En termos interanuais –é dicir, en comparación co mesmo trimestre do ano anterior– o PIB galego avanzou no terceiro trimestre un 2,6%, unha décima superior ao crecemento da economía española, que foi do 2,5%, segundo os datos avanzados polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
En canto á evolución trimestral, os datos do IGE tamén mostran que a economía galega medrou un 0,6% con respecto ao segundo trimestre, un avance igual ao rexistrado no trimestre anterior. O avance da economía galega foi idéntico ao do PIB nacional.
Segundo o IGE, o crecemento da economía galega entre xullo e setembro sustentouse no incremento da demanda interna –que avanzou un 2,7%– e no bo comportamento das exportacións de bens e servizos, que medraron un 3,7%, por riba do conxunto da economía. Ademais, no terceiro trimestre produciuse un importante crecemento da formación bruta de capital, un indicador relevante para coñecer o impacto dos investimentos que se realizan principalmente no eido empresarial. O avance neste período foi do 6,9%.
Pola parte da oferta, todos os sectores da economía galega continúan en positivo, tanto a industria, cun incremento anual do 3,1%, como a construción (6,9%) e os servizos (2,3%). O menor incremento rexistrouse no sector primario, que medrou un 0,3%.
Máis de 16.000 novos empregos a tempo completoAs contas trimestrais do IGE confirman que a recuperación económica continúa trasladándose igualmente ao mercado laboral, cun incremento do 1,6% nos postos de traballo equivalentes a tempo completo, o que permitiu crear máis de 16.000 empregos no último ano.
- Te recomendamos -