Inicio Galicia O ?Simposio María Victoria Moreno? pecha os actos dedicados este ano á...

O ?Simposio María Victoria Moreno? pecha os actos dedicados este ano á autora homenaxeada o 17 de maio

0

Valentín García e Víctor Freixanes clausuraron este serán o encontro organizado pola Real Academia Galega coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo arredor da escritora a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, clausuraron hoxe o Simposio María Victoria Moreno, organizado pola RAG coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo para pechar os actos arredor da autora a quen se lle dedicaron as Letras Galegas este 2018.

Valentín García indicou que durante os dous días de duración do simposio “se abordaron diferentes facetas da vida da escritora que interesa resaltar, porque nelas poden verse recoñecidas tamén moitas persoas que traballan hoxe a prol da lingua galega”. O secretario xeral especificou que “honrando unha muller, o Día das Letras Galegas recoñece o papel das escritoras, non sempre suficientemente valorado; escollendo unha autora de literatura infantil e xuvenil, pon sobre a mesa a relevancia da LIX galega actual; fixándose nunha mestra, o papel dos docentes na transmisión da lingua e no aprecio e coñecemento da nosa literatura; reparando nunha escritora alófona, a importancia que teñen os neofalantes para a promoción do galego; celebrando unha activista cultural, o esforzo de tantos bos e xenerosos a prol do idioma propio de Galicia”.

Dous días para coñecer a María Victoria MorenoO Simposio María Victoria Moreno celebrouse durante as tardes do 27 e do 28 de novembro na sede da Real Academia Galega. Organizado polas académicas Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, reuniu tanto especialistas na obra da escritora como persoas que a coñeceron persoalmente e achegaron o seu perfil máis humano.

A xornada de onte estivo dedicada á obra literaria de María Victoria Moreno. Abriuse coa conferencia inaugural de Blanca Ana Roig Un lugar de honra na LIX. María Victoria Moreno e continuou cun relatorio sobre a poesía infantil da escritora estremeña a cargo de Antonio García Teijeiro e mais cunha mesa redonda moderada por Xoán Babarro na que participaron Mercedes Queixas, Isabel Soto e Andrés Torres Queiruga. Para rematar, celebrouse un recital conducido por Xesús Rábade Paredes no que participaron tamén Darío Xohán Cabana, Ana María Fernández, Xoán Babarro, Mercedes Queixas e Antonio García Teijeiro.

Esta tarde, o simposio centrouse na acción cultural e na biografía de María Victoria Moreno. Iniciouse cos relatorios de Xabier Senín María Victoria, xenerosidade e compromiso coa cultura galega e de Fina Casalderrey A mestra e a pegada do camiño ensinado. A seguir, celebrouse a mesa redonda moderada por Marilar Aleixandre MVM. Vida e acción cultural, na que participaron Manuel Bragado, Isabel Mociño e Montse Pena Presas. A conferencia de clausura correu a cargo de Xesús Alonso Montero, quen se ocupou do activismo cultural de cívico de María Victoria Moreno. O simposio pechouse cunha escolma de vídeos que mostran como se celebrou este ano nos centros escolares a vida e a obra de María Victoria Moreno.


- Te recomendamos -