O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia na reunión da Comisión de Asuntos Naturais do Comité Europeo das Rexións
A comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións reuniuse hoxe en Bruxelas para debater, principalmente, a proposta lexislativa da Comisión Europea sobre a Política Agraria Común (PAC) a partir do 2020. Neste contexto, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, defendeu os intereses de Galicia entre os que destaca a petición de que esta política favoreza a incorporación dos mozos á actividade agraria para potenciar e revitalizar as zonas rurais.
De cara a apoiar as pequenas e medianas explotacións, Gamallo solicitou que se aumente o tope máximo da axuda por explotación; establecendo un límite de 60.000 euros e non de 100.000 como propón inicialmente a Comisión Europea. A Xunta de Galicia reclama igualmente o aumento dun 15% do número de axudas asociadas; de maneira que supoñan unha parte importante das axudas directas, de cara a evitar que se poidan cobrar fondos sen producir.
Outra das demandas expostas por Galicia ten que ver co establecemento de medidas que permitan responder de forma rápida ás oscilacións dos prezos dos produtos agrarios e dos factores produtivos como os pensos e a enerxía, de forma que os agricultores poidan manter as súas rendas ante estas continxencias.
Todos as peticións formuladas hoxe están recollidas no decálogo de medidas consensuado entre a Xunta de Galicia e as partes interesadas en agricultura e gandería da nosa comunidade. Ademais, a intervención de hoxe reforza o labor realizado no Consello de ministros da Unión Europea, onde, este semestre, Galicia asume a representación das comunidades autónomas españolas. Neste período e ata a data, o titular galego de Medio Rural participou en tres reunións.
O ditame sobre a reforma da PAC está a ser elaborado por o socialista francés Guillaume Cros e, tras o debate exploratorio celebrado hoxe, será presentado na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións que se celebra a próxima semana. Trátase dun documento que se tramitou polo procedemento de urxencia e, por tanto, as emendas, máis de 300, preséntanse directamente na sesión plenaria de decembro.
Grupo de Traballo sobre o BrexitO director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea tamén se encargou hoxe de inaugurar a reunión do grupo operativo que analiza as posibles consecuencias da saída do Reino Unido da UE nas rexións atlánticas que, por vez primeira, foi acollida pola comisión do Mar do Norte.
Os participantes, entre os que se atopaban representantes da Comisión Europea, debateron o acordo sobre o Brexit e as súas particularidades; así como sobre a posibilidade de que este sexa rexeitado polo Parlamento británico e o impacto de tal decisión nas rexións europeas.
Na súa intervención, Gamallo cualificou de satisfactorio o acordo conseguido polos vinte e sete que permitirá á frota galega seguir pescando en augas británicas ata o 2020; cunha etapa de transición que se pode estender ata o 2022. Malia todo, o representante galego pediu cautela, posto que, mentres o acordo non sexa ratificado polo parlamento británico, non existe unha verdadeira garantía.
Dado que a saída de Reino Unido afecta dunha forma especial ás rexións do Atlántico, Galicia propuxo en marzo de 2017 a creación dun Grupo Operativo específico no seo da Comisión do Arco Atlántico, unha das seis comisións xeográficas nas que traballa a Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas. Baixo o liderado da Fundación Galicia Europa, este grupo tense reunido sete veces, para analizar as implicacións do Brexit e buscar solucións en común.
- Te recomendamos -