O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, salienta nunha xornada técnica do proxecto transfronteirizo Biomasa AP que os resultados deste traballo permiten conxugar o aforro económico coa sustentabilidade
O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, salientou hoxe que o aproveitamento da biomasa procedente de actividades agrícolas e do forestal permite conxugar a competitividade das empresas destes ámbitos coa mellora da súa sustentabilidade. O director de Xera foi o encargado de clausurar a xornada sobre Valorización de biomasa residual de alto potencial na Eurorrexión no marco da iniciativa Biomasa-AP, un proxecto transfronteirizo que ten por obxectivo optimizar a explotación e o aproveitamento enerxético da biomasa dos restos de poda de vide e kiwi e das matogueiras, e avaliar a súa utilización en procesos de combustión e gasificación para xeración de enerxía térmica e eléctrica a pequena escala.
O proxecto está liderado polo centro tecnolóxico EnergyLab, e ten como socios galegos á Xunta, a través de Xera e do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), a Universidade de Vigo, e a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga). Por parte de Portugal, participan o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, o Instituto de Ciência e Inovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial, a Agência de Energia do Cávado e a Agência Rexional de Energia e Ambiente do Alto Minho (AREA Alto Minho). Este proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal ( POCTEP) 2014-2020.
O apoio autonómico a esta iniciativa enmárcase na Estratexia integral de impulso da biomasa con fins térmicos, coa que se pretende aproveitar un dos recursos enerxéticos autóctonos de Galicia para crear valor e emprego en todo o ciclo produtivo, á vez que se mellora o medio ambiente co uso dunha fonte menos contaminante.
Ao remate deste ano, a Xunta terá apoiado a instalación dun total de 5000 caldeiras de biomasa –para uso administrativo, en vivendas ou vinculados á actividade empresarial- desde a posta en marcha desta Estratexia en 2014. Entre os seus obxectivos, esta folla de ruta agarda mobilizar 450 millóns de euros, crear 1000 empregos, alcanzar aforros económicos de 70 millóns de euros ao ano ou multiplicar por tres o consumo de biomasa. Tamén favorece a posta en valor de terreos que actualmente non se aproveitan e o fomento dunha xestión sostible do monte e, en definitiva, a dinamización das áreas rurais da Comunidade.
Ignacio Lema salientou que esta Estratexia se desenvolve de forma coordinada entre diferentes departamentos da Xunta e que, no tocante á Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), promóvese a innovación tecnolóxica a través do CIS Madeira; impúlsase a formación sobre a xestión da biomasa forestal e foméntanse os investimentos que permiten o aproveitamentos dos residuos da industria de madeira como biomasa.
O director da Axencia Galega da Industria Forestal sinalou que se trata de xerar, mediante un abano de actuacións coordinadas, unha actividade económica, científica e de coñecemento que impulse unha xestión eficiente da biomasa como elemento de mellora dos cultivos e da xestión forestal, fomentando ao mesmo tempo un sector industrial que xere valor no eido rural.
- Te recomendamos -