Inicio Galicia Feijóo salienta que o investimento da Comunidade en I+D medrou o pasado...

Feijóo salienta que o investimento da Comunidade en I+D medrou o pasado ano un 13,3%, máis do dobre que en España, ata rozar os 571 millóns

0

Destaca que Galicia é ademais a segunda comunidade onde máis creceu o gasto neste eido


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o investimento da Comunidade en I+D medrou o pasado ano un 13,3%, máis do dobre que en España (un 6%), ata rozar os 571 millóns de euros. Ademais de ser a segunda autonomía onde máis creceu o gasto neste eido e de aumentar tamén nun 9,6% -ata as 10.266 persoas- o número de traballadores que se dedican a este sector. Uns datos que, segundo salientou, avalan o aumento progresivo que está a rexistrar o orzamento da Axencia Galega de Innovación, que suma seis anos de ascensos e hoxe é un 87,4% superior ao de 2013.

Conscientes de que boa parte do éxito internacional que corroboran as últimas cifras de exportacións -que de xaneiro a setembro medraron en Galicia o dobre que no conxunto do Estado, un 7.6%-, vai vir dado pola capacidade das empresas para innovar e, en consecuencia, para diferenciarse e competir no mercado global, Feijóo aseverou que o Executivo autonómico seguirá comprometido con este eido. “Innovar para ser máis competitivos. E iso significa apostar pola dixitalización, pola investigación e a innovación aberta con centros tecnolóxicos e universidades, ou mesmo pola eficiencia enerxética”, abundou.

Durante o acto de presentación de proxectos de Coren 2019, o responsable do Executivo galego recordou que nos orzamentos da Xunta para este ano a innovación acaparaba unha partida de case 80 millóns de euros; “e nas contas que aprobamos para 2019, os recursos dos cales vai dispoñer a Axencia Galega de Innovación medran un 21%, ata situarse nos 97 millóns, é dicir, que é un dos departamentos que rexistra un maior incremento do seu orzamento”, precisou.

Nesta liña, recordou que Coren, xunto co Centro Tecnolóxico da Carne, conforma unha das case 40 Unidades Mixtas de Investigación que se puxeron en marcha desde que se aprobou o programa en 2014, e que están a mobilizar ao redor de 114 millóns de euros en proxectos de innovación, coa adhesión de 28 multinacionais líderes no seu sector. E é tamén a protagonista da terceira convocatoria da aceleradora Galicia Open Future, co obxectivo de buscar solucións tecnolóxicas que permitan dixitalizar e optimizar os controis de cebo na área porcina.“E non nos cabe dúbida de que esta empresa terá tamén un papel destacado na nova aceleradora do sector alimentario que poñeremos en marcha xunto co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga)”, dixo, destacando que esta iniciativa terá como obxectivo insuflar novos proxectos innovadores na cadea de valor da industria agroalimentaria e ampliar a canteira de empresas que teñen propostas innovadoras neste sector.

O presidente da Xunta resaltou que coa presentación dos seus proxectos para 2019, Coren prosegue coa súa aposta de seguir implementando a innovación nas súas plantas para mellorar a dimensión produtiva do grupo e dar resposta ás novas demandas do mercado. E faino cun plan de investimentos que alcanza os 26 millóns de euros para: melloras tecnolóxicas nos centros de procesamento; para a construción de novos centros tecnolóxicos de incubación e selección xenética -para o desenvolvemento de razas autóctonas, para a incubación de pavos e para a investigación.

Así mesmo, aseverou que este plan inclúe un acordo co Banco de Terras para o impulso da agricultura ecolóxica; “o primeiro acordo asinado co Banco de Terras da Agader para recuperar terreos en desuso e destinalos exclusivamente ao cultivo ecolóxico”, aseverou, subliñando que este convenio prevé a plantación de 350 hectáreas de cereais ecolóxicos en Cualedro.

Ademais da xeración de actividade económica alí ata onde chega cada un dos seus centros de produción ou I+D+i, Feijóo resaltou que o plan de investimentos que acaba de presentar Coren prevé a creación de 325 postos de traballo estables, sendo tamén un expoñente clave da Marca Galicia.


- Te recomendamos -