Inicio Galicia Máis de 52.000 ourensáns están vacinados contra o virus da gripe canta...

Máis de 52.000 ourensáns están vacinados contra o virus da gripe canta faltan 5 semanas para rematar a campaña de Sanidade

0

Ata o momento, Ourense é a provincia cos niveis mais altos de cobertura, case 5 puntos por riba da media galega


Dentro dun mes, o 28 de decembro, remata a campaña de vacinación da gripe que a Consellería de Sanidade ten en marcha dende o pasado 22 de outubro baixo o lema ‘Contaxia a túa enerxía e non a gripe’.

Ourense é a provincia galega cos mellores datos de cobertura antigripal en maiores de 65 anos ao peche da quinta semana da campaña de vacinación. Segundo os datos oficiais, na provincia ourensá, ata o momento, están vacinadas 52.571 persoas deste grupo de idade, que integran un dos colectivos de risco aos que se recomenda administrar a vacina co obxectivo de minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. Esta cifra representa o 54,61 % da poboación de maiores de 65 anos, convertendo a Ourense na área sanitaria galega con maior cobertura, case 5 puntos por riba da media galega.

Habitualmente os niveis máximos da onda epidémica da gripe coinciden coas datas de Nadal, polo que os cidadáns que non estean vacinados aínda están a tempo de protexerse deste virus xa que a campaña antigripal está activa ata o vindeiro 28 de decembro, nos 185 puntos de vacinación existentes na provincia. Cómpre lembrar que a vacina antigripal non so evita casos senón que diminúe a frecuencia de complicacións derivadas desta enfermidade e, tamén, o risco de hospitalización e morte relacionada coa gripe. Ata o momento, na provincia non se rexistrou ningún ingreso hospitalario por esta doenza.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, recorda que a vacinación ofértase gratuitamente para as persoas de 60 ou máis anos, residentes en institucións pechadas de calquera idade, mulleres embarazadas e tamén para aquelas persoas entre 6 meses e 59 anos con factores de risco que os predispoñen a padecer complicacións derivadas da gripe. Ademais, ofértase a persoas que lle poden transmitir a gripe a outras con alto risco de complicacións (entre os que se atopan os traballadores sanitarios) e tamén para persoas que desenvolven servizos esenciais para a comunidade.

Esta semana iniciouse o programa de promoción da vacinación antigripal mediante chamada activa. Os profesionais de enfermería están a chamar á poboación entre 65 e 74 anos que non teña posta a vacina a esa altura da campaña.


- Te recomendamos -