Vázquez Mourelle indica que a redacción do proxecto terá un investimento de 375.000 euros para unha obra que, incluíndo o aparcadoiro, suporá un orzamento de 19 millóns de euros, que se sumarán aos 45 millóns que achegará Adif
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, salientou a licitación hoxe da redacción do novo proxecto construtivo para a estación intermodal da Coruña, o que ratifica o compromiso con esta infraestrutura estratéxica.
Vázquez Mourelle explicou que a Xunta dispón do novo prego e os Orzamentos de 2019 consignan a partida para este contrato de redacción, que ascende a case 375.000 euros. Precisou que o proxecto, incluído o aparcadoiro, suporá un investimento duns 19 millóns de euros que se sumarán aos 45 millóns que achegará Adif.
Avanzou que no ano 2019 se realizará este novo deseño para dispor en 2020 do proxecto construtivo que permita iniciar a tramitación urbanística para a continuación licitar as obras da nova estación intermodal.
Destacou que o futuro deseño non é a mellor alternativa para a Xunta, xa que renuncia a unha importante mellora do contorno urbano, pero responde as novas formulacións do Concello.
Sinalou que a Xunta lle remitiu hoxe ao Concello as consideracións sobre a proposta de convenio que presentaron a comezos deste mes, agardando estar no camiño definitivo e sen máis pasos atrás para que A Coruña teña estación intermodal.
Cambio de criterio do ConcelloCómpre lembrar que este proxecto xa podía estar a executarse, pero os atrasos e cambios de criterio do Concello da Coruña obrigaron hai un ano á Xunta a suspender o contrato en vigor e a redactar un prego conforme ás condicións, que se esixiu plasmar nun acordo asinado por todas as partes.
Ethel Vázquez sinalou que a Xunta tamén tivo que buscar os fondos propios da comunidade que permitisen a licitación, unha vez constatada a necesidade de reasignar os fondos europeos dispoñibles para destinalos ás intermodais que neses momentos tiñan máis camiño avanzado e garantías de execución en prazo.
O Executivo autonómico, nos primeiros meses de 2017, segundo o comprometido, tiña un proxecto básico da nova terminal de autobuses que non só cumpría as expectativas funcionais, senón que contribuía a facer cidade.
Non obstante, de xeito repentino, o Concello desdíxose dos compromisos adquiridos coa estación e plantexou modificacións que se traducían en eliminar a praza e a urbanización da avenida de Sardiñeira e que mudaban por completo o plantexamento.
Esta postura tivo como consecuencias, por unha parte, que o tempo, os cartos e o traballo investidos pola Xunta na estación intermodal non valían para nada, e por outra, que a cidade da Coruña perdía o seu sitio na liña de saída da intermodalidade de Galicia.
Na lexislatura pasada, o Goberno galego traballou con intensidade co obxectivo de dotar as cidades galegas das estacións intermodais necesarias para aproveitar ao máximo a oportunidade do AVE e da renovación do transporte público.
Neste sentido, a titular de Infraestruturas salientou que as estacións de Santiago e Ourense xa están en execución e a de Vigo vaise licitar este ano, a pesar das complicacións da anulación do seu Plan Xeral. Engadiu que incluso no caso de Pontevedra, na que se comezou a traballar moito despois que na da Coruña, se atopa a día de hoxe moito máis definida.
- Te recomendamos -