Inicio Galicia O obradoiro ?Comarca de Ancares III? proporciona emprego e formación a 20...

O obradoiro ?Comarca de Ancares III? proporciona emprego e formación a 20 persoas que acondicionan edificios e espazos públicos en catro concellos

0

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, acompañou hoxe aos participantes no taller que comparten Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Triacastela


O obradoiro de emprego Comarca de Ancares III está en marcha nos concellos de Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Triacastela e proporciona emprego e formación a 20 persoas nas especialidades de ‘Operacións de formigón’, ‘Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización’ e ‘Operacións auxiliares de albanelería, fábricas e cubertas’.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo hoxe un encontro cos participantes neste taller, que está promovido polos concellos e financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria cun investimento de 288.800 euros. Ademais dos alumnos traballadores, o obradoiro conta cun director, un administrador e dous monitores. A iniciativa ten unha duración de nove meses e estará en marcha ata finais de xullo do 2019.

Os participantes neste obradoiro ocúpanse da mellora e acondicionamento de edificios e espazos públicos. Así, en Cervantes traballarán no edificio de servizos múltiples de San Román; en Pedrafita do Cebreiro realizarán actuacións de carpintería nas instalacións do colexio de Zanfoga e rehabilitarán as fontes de Vilanova e Modreiro; en Navia de Suarna restaurarán as fontes de Embernallas, Paradela e Mera e en Triacastela acometerán a limpeza e reposición do peche do Camiño de Pasantes e actúan tamén no muro de peche de escola de Vilán.

Balseiro apuntou que os alumnos traballadores recibirán un certificado oficial de profesionalidade que os habilita para exercer o oficio aprendido en todo o territorio do Estado. Segundo salientou, os obradoiros cumpren a dobre función de mellorar as perspectivas laborais dos participantes e realizar obras e servizos de interese xeral nos municipios que os acollen, á vez que son unha canle de colaboración entre as administracións autonómica e local.

En todo caso, subliñou o delegado, estas iniciativas son “unha medida de fomento do emprego, que proporciona formación e experiencia laboral ás persoas desempregadas para que poidan reorientar a súa traxectoria profesional cara a especialidades con maior demanda no mercado de traballo”.

Na provincia de Lugo están en marcha 20 obradoiros, dous deles dirixidos a menores de 30 anos -en Lugo e Ribadeo-. En total, involucran a 50 concellos, supoñen un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e suman 472 contratacións.


- Te recomendamos -