Inicio Galicia A Xunta porá en marcha unha aplicación para telefonía móbil gratuíta que...

A Xunta porá en marcha unha aplicación para telefonía móbil gratuíta que permitirá ter información fitosanitaria para o viñedo a tempo real

0

O proxecto piloto AppFitoVit será desenvolvido pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) e permitirá obter boletíns de avisos fitosanitarios territorializados en toda Galicia


A Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), centro dependente da Consellería do Medio Rural, desenvolverá o proxecto piloto “AppFitoVit”, que consiste no desenvolvemento dunha aplicación para telefonía móbil que dará servizo de información fitosanitaria para o viñedo a tempo real. Esta acción está inserida dentro das liñas estratéxicas de investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) e está financiada nun 75% con fondos Feader ao abeiro da convocatoria de accións de cooperación.

Este proxecto piloto presentouse esta mañá durante a xornada técnica “Financiamento e logros na innovación do sector vitivinícola galego”, que se celebrou no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos e á que acudiu o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez. Neste evento colaboraron o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, Agacal e a Fundación Juana de Vega.

Esta iniciativa dá resposta a unha vella demanda do sector vitivinícola galego de contar cun sistema de avisos climatolóxicos e fitosanitarios homologable para toda Galicia. A súa consecución permitirá contar cunha ferramenta fundamental para predicir episodios adversos relacionados con enfermidades do viñedo, con especial atención ás provocadas por fungos como o mildiu e, así, evitar posibles perdas económicas derivadas de tales fenómenos.

Para o seu desenvolvemento, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia conta cos servizos dunha empresa especializada no deseño de plataformas dixitais para a agricultura e viticultura de precisión, así como coa colaboración de 33 entidades entre as que se atopan os cinco consellos reguladores vitivinícolas de Galicia.

A aplicación AppFitoVit desenvolverase en tres fases. Na primeira, que se prevé rematar no ano 2019, establecerase unha rede interna entre os técnicos correspondentes ás entidades colaboradoras co obxecto de deseñar e validar a estrutura da aplicación móbil. Nunha segunda fase comprobarase a validez dos datos climatolóxicos, edafolóxicos e fenolóxicos manexados e comezará a emisión de boletíns de avisos fitosanitarios territorializados de forma interna. Na derradeira fase do proxecto, e unha vez validado o funcionamento da aplicación, pasará a ser pública e aberta ao sector totalmente de balde.


- Te recomendamos -