Durante esta semana, São Paulo, Porto Alegre, Goiâna e Recife albergan diferentes reunións cos principais axentes turísticos locais
Baixo o lema Roadshow A Espanha Cosmopolita, a Consellería de Cultura e Turismo participa esta semana no programa de presentacións da oferta turística galega nas cidades brasileiras de São Paulo, Porto Alegre, Goiâna e Recife. Esta campaña de presentacións turísticas desenvolvida con Turespaña comeza hoxe luns 26 de novembro en São Paulo e rematará en Recife o día 30.
Ao longo destes días, está previsto que a oferta turística galega, especialmente a referida ao turismo cosmopolita, se presente a máis de 160 operadores turísticos locais, 40 por cidade, que foron elixidos entre os máis destacados da contorna metropolitana.
Durante estas xornadas, a Consellería de Cultura e Turismo fará especial fincapé na oferta relacionada co turismo urbano e cos produtos máis senlleiros relacionados coa natureza, a cultura e a gastronomía, tendo moi en conta tamén o Camiño de Santiago, do que Brasil é un dos países nos que máis medra de xeito porcentual ao longo dos últimos anos.
Neste sentido, no que vai de ano, xa recibiron a Compostela 5.550 peregrinos de Brasil, un 8,3% máis que en todo o 2017.
Roadshow en ItaliaPolo que respecta a este modelo de promoción, no que se visitan distintos puntos dun mesmo mercado emisor, o pasado mes de abril, catro cidades de Italia acolleron o roadshow denominado Roadshow Destinazione Spagna. Daquela, Cultura e Turismo realizou un programa de presentacións da oferta turística galega nas cidades italianas de Roma, Florencia, Verona e Turín, en compañía tamén de Turespaña.
Naquel momento foron 240 os operadores turísticos do país transalpino os que puideron achegarse ata a oferta turística galega.
- Te recomendamos -