Inicio Galicia A Xunta reforza o seu programa de investigación universitaria cunha comisión externa...

A Xunta reforza o seu programa de investigación universitaria cunha comisión externa formada por científicos de prestixio

0

A Comisión, que hoxe quedou constituída, está integrada por recoñecidos investigadores coma Carmen Castresana, Luis M Liz, Rodolfo Miranda, Joan Guinovart, Helena Pereira e Luis Sanz-Menéndez


A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu esta mañá en Santiago a reunión constitutiva da Comisión Asesora do Programa de Centros de Investigación Singulares e Agrupacións Estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG), impulsado pola Xunta de Galicia.

Este órgano está constituído por científicos de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional, con experiencia na dirección de centros de investigación e de xestión da I+D procedentes de distintas universidades – todas elas externas ao SUG co fin de garantir a súa independencia-, e doutros organismos de diferentes áreas de coñecemento científico como a bioloxía vexetal, a física, a biomedicina, a bioloxía molecular, a química, a computación ou as ciencias sociais.

Entre os seus membros están Carmen Castresana (profesora de Investigación do CSIC e exdirectora do CNB-CSIC), Luis M Liz-Marzán (director científico do CIC BiomaGUNE), Rodolfo Miranda (director do IMDEA-Nanociencia), Joan Guinovart (catedrático de Biomedicina e Bioloxía Molecular e ex director do Instituto Recerca Biomedica), todos eles pertencentes ao Centro Severo Ochoa; así como Helena Pereira (catedrática no Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa) e Luis Sanz-Menéndez (ex director do Instituto de Políticas y Bienes Públicos do CSIC).

Así mesmo, proximamente incorporaranse a directora do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas, María A. Blasco, e o catedrático da Universidade Politécnica de Madrid e ex director do IMDEA-Software, Manuel Hermenegildo.

A conselleira Carmen Pomar agradeceu a todos eles a súa disposición a formar parte desta comisión asesora cuxo principal obxectivo é prestar asesoramento á Xunta de Galicia sobre o Programa de Apoio á investigación de excelencia para os centros de Investigación Universitaria que se iniciou en 2016 e que supuxo a acreditación e a dotación económica para aqueles centros que superaron o procedemento de avaliación.

Pomar recalcou que o seu departamento está traballando de cheo para que Galicia consolide un modelo de ciencia excelente no ámbito universitario. “Este é o obxectivo primordial a lograr”, subliñou a conselleira, quen recoñeceu que o 70% das capacidades científicas en Galicia están nas Universidades, aínda que avoga por establecer alianzas con outros organismos públicos de investigación non universitarios.

FunciónsAgora dáse un paso adiante na busca da excelencia mediante o apoio desta comisión de expertos de prestixio, que se encargarán de asesorar sobre metodoloxías e prácticas de avaliación científica e técnica, así como de aconsellar sobre o seguimento, resultados e impacto das actuacións do mencionado Programa de apoio á investigación, co fin de incorporar estándares internacionais. Ademais, as súas achegas serán determinantes para elaborar os criterios que rexerán a próxima convocatoria de Centros de investigación prevista para 2019.

Deste xeito, a Comisión deberá deseñar un modelo para a avaliación de solicitudes e o desempeño das unidades, para o cal deberán ter en conta variables como a captación, formación e retención de talento, a investigación de referencia competitiva e a captación de fondos competitivos nacionais e internacionais dos centros solicitantes.

A partir destas avaliacións, realizarán recomendacións para mellorar o modelo, así como para avanzar os indicadores que permitan determinar e ampliar o impacto dos centros.

Tamén será tarefa súa propor estratexias adecuadas en función da evolución do impacto dos centros singulares de investigación de Galicia; así como fixar criterios para a realización de avaliacións e levar a cabo os traballos adecuados para fundamentar as súas propostas.

Actualmente en Galicia hai recoñecidos cinco centros singulares (CiTIC na UDC; CiMUS, e CiQUS na USC; ECIMAT e CIMBIO na UVigo) e dúas agrupacións estratéxicas consolidadas (CiTIUS da USC e AtlanTIC da UVigo), que representan as estruturas de investigación máis excelentes do Sistema Universitario Galego, para os cales a Consellería mobiliza un orzamento de 13 millóns de euros ata 2019.


- Te recomendamos -