A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recorda que o Consorcio do Casco Vello de Vigo pechou recentemente a operación de compra máis grande realizada este ano, por case 450.000 euros, que permitirá a construción de 7 novas vivendas
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aposta pola recuperación da Fachada do Berbés para conservar a paisaxe icónica e representativa da Cidade de Vigo. Así o puxo de manifesto a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a visita ás actuacións que está a executar o Consorcio do Casco Vello, que recentemente pechou a operación de compra máis grande realizada este ano, por un importe de case 450.00 euros.
A conselleira de Medio Ambiente recordou que grazas a esta compra poderán construírse sete novas vivendas e dous locais comerciais que se porán a disposición dos veciños de Vigo e salientou que esta intervención adaptarase á tipoloxía de vivenda propia da zona, sobretodo tendo en conta que a fachada que dá ao Berbés, co seu típico soportal de casa mariñeira, ten consideración de interese histórico alto e interese urbanístico moi alto.
Destacou o traballo levado a cabo polo Consorcio Casco Vello de Vigo, que é un exemplo da política de rehabilitación que promove a Xunta nos cascos históricos das vilas e cidades galegas, e que dende a súa constitución investiu máis de 40 millóns de euros na rehabilitación do Casco Histórico vigués. Grazas a estes investimentos, o Consorcio xa adquiriu case 80 inmobles -dos 232 catalogados en estado deficiente- e máis de 60 xa se rehabilitaron ou se está a traballar na mesma.
En resumo, grazas aos edificios xa rehabilitados obtivéronse 32 locais comerciais, cos que se pretende dinamizar a vida económica desta zona de Vigo, e 105 vivendas protexidas polo que o prezo das mesmas, tanto en réxime de alugueiro como de compra, son limitados. Os inquilinos abonan entre 5 e 7 euros ao mes por m2; cando o prezo de venda libre parte dos 1.550 por m2.
A responsable de Vivenda do Goberno galego instituíu en que a rehabilitación é unha aposta forte da Xunta, que no caso do Consorcio do Casco Vello de Vigo se concretará no novo plan de actuacións para o período 2018-2024, dotado cun orzamento de 15,5 millóns de euros, coas que se prevé actuar en 25 novas edificacións -en 10.200 m2- para contar con 50 novas vivendas e 20 locais comerciais.Áreas de rehabilitación viguesasA conselleira de Medio Ambiente recordou que as actuacións de rehabilitación non só se limitan ás que se impulsan dende o Consorcio, senón que tamén se centran nas súas diferentes Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), e no caso concreto da ARI da zona histórica (declarada en 1997) investíronse 10 millóns de euros. Recordou que na actualidade están en execución tres convenios que suman un importe de 1,5 millóns de euros; ao que se suma o asinado en outubro cun investimento de 1,1 millóns de euros.Ángeles Vázquez argumentou que a rehabilitación, non só permite recuperar o patrimonio arquitectónico dos concellos, senón que tamén facilita o acceso á vivenda aos veciños de Vigo. Neste sentido, recordou que o último Consello da Xunta deu o visto bo a un informe para ampliar a ARI do Polígono de Coia, que permitirá integrar nesta ARI unhas 1.000 novas vivendas, que se poderán beneficiar das axudas que as administracións habilitan para a rehabilitación.
Urbanización de San Paio de NaviaVázquez Mejuto reiterou os esforzos do Goberno galego por facilitar o acceso á vivenda. Unha das ferramentas da que se dispón é a promoción de solo residencial para vivendas protexidas, para atender a demanda existente nas grandes cidades, como sucede en Vigo, concretamente en San Paio de Navia.
Nese sentido, avanzou que a Plataforma de contratación da Xunta publica hoxe as bases do concurso, por preto de 300.000 euros, para a redacción do proxecto de urbanización da ampliación de San Paio de Navia. A ampliación abarca 265.000 m2 que suporá a dotación de solo para 1.600 novas vivendas protexidas.
A conselleira afirmou que o 2019 será un ano clave para a ampliación de San Paio de Navia, un compromiso que a Xunta concreta nos 6 millóns de euros que a Consellería de Medio Ambiente ten consignados nos seus orzamentos de 2019, para culminar a adquisición de solo e avanzar na súa urbanización.
- Te recomendamos -