Inicio Galicia O Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela creou ou consolidou uns...

O Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela creou ou consolidou uns 280 empregos nos seus dez anos de existencia cun apoio de 5,6 millóns de euros da Xunta

0

A entidade sacou adiante máis de 170 iniciativas que supuxeron un investimento total no territorio de máis de 21 millóns

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Compostela logrou crear ou consolidar ata 283 empregos no seu territorio nos dez anos que leva en marcha grazas a unhas axudas por valor de 5,6 millóns de euros da Consellería do Medio Rural. Estes datos déronse a coñecer no acto de celebración do décimo aniversario deste GDR, ao que acudiu o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois.

En concreto, o GDR xestionou a través do programa Leader un total de 177 proxectos para dinamizar a súa contorna, o que supuxo un investimento total nos dez concellos que compoñen o seu ámbito de actuación superior aos 21 millóns de euros. Un balance máis que positivo, que destacou o director de Agader, quen ademais aproveitou o evento para agradecer aos membros do GDR o seu labor durante este tempo. “O Leader nestes dez anos foi clave para axudar a desenvolver unha zona coma a área de Compostela, cun gran potencial e, como o resto do rural galego, cuns recursos naturais de primeiro nivel”, declarou Pérez Dubois.

Neste sentido, o director destacou, por exemplo, o crecemento vinícola da subzona do Ulla da Denominación de Orixe Rías Baixas, ademais do peso gandeiro dalgún destes concellos que compoñen o GDR, ata denominar esta comarca como “referente” na produción de leite en Galicia. Tampouco se esqueceu do Camiño de Santiago, que axudou a “vertebrar e potenciar” parte do territorio.

IniciosA Asociación Terras de Compostela nace no ano 2008, como asociación sen ánimo de lucro e constitúese coa finalidade de ser o núcleo de integración e de representación dos diferentes axentes territoriais, tanto públicos como privados, interesados en promover o desenvolvemento do seu territorio.

O seu ámbito de actuación abrangue os concellos de Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Santa Comba, Santiago, Teo, Val do Dubra e Vedra. Falamos dunha superficie de máis de 1.100 quilómetros cadrados, aproximadamente o 15% da provincia da Coruña. 


- Te recomendamos -