Inicio Galicia Feijóo empraza ao Goberno central a poñer data de inicio á construción...

Feijóo empraza ao Goberno central a poñer data de inicio á construción das F-110, ?fundamentais para Ferrol e para toda a comarca?

0

Recorda que o custo aproximado destas cinco fragatas chegará aos 4.000 millóns de euros, ademais dunha carga de traballo para 7.000 persoas


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, emprazou hoxe ao Goberno central a poñer data de inicio á construción das fragatas F-110, “fundamentais para Ferrol e para toda a comarca”.

Durante a cerimonia de botadura do buque HMAS Supply para a Mariña australiana, e unha vez confirmada a construción das corvetas para Arabia Saudita, das que Navantia Ferrol fabricará algúns bloques, Feijóo incidiu en que este estaleiro segue á espera de que o Goberno de España dea a orde de execución das cinco fragatas, cuxo custo aproximado chegará aos 4.000 millóns de euros, ademais dunha carga de traballo para 7.000 persoas.“O futuro de Navantia pende, polo tanto, deste contrato, ao igual que o estaleiro 4.0”, dixo, facendo fincapé en que impulsará a transformación dixital de Navantia Ferrol ao incorporar estes buques tecnoloxía punta, e consolidará, ademais, este estaleiro como un dos mellores, en termos de defensa, de Europa.

Ao longo da súa intervención, Feijóo agradeceu á Armada Australiana a confianza en Galicia e na experiencia do sector naval galego; na súa fiabilidade, cumprindo os máis altos estándares de calidade; e na súa capacidade para facer da tecnoloxía a ferramenta coa que está a responder a retos cada vez máis complexos e que requiren unha maior especialización. E, por confiar na profesionalidade que está detrás deste estaleiro e de toda a industria naval en Galicia, que conta con máis de 38.000 profesionais.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta subliñou que o buque HMAS Supply, xunto á construción doutro buque loxístico similar, firmados en 2016, supón carga de traballo para 1.800 profesionais, tres millóns de horas de traballo e un presuposto total de 480 millóns de euros.

Así mesmo, sostivo que este acto de botadura ratifica a relación estratéxica que nos últimos anos este estaleiro vén mantendo cun país que xerou numerosos contratos para Navantia.

O responsable do Executivo autonómico aseverou que cada buque que sae destas gradas ou de calquera dos estaleiros galegos leva hoxe en día un compoñente de innovación e calidade que converte o sector naval en líder en España. Non en van, o sector naval galego acapara o 75% dos contratos que se adxudicaron en todo o país nos seis primeiros meses do ano; é dicir, 9 de 12; e o 40% da carga de traballo que rexistran o conxunto de estaleiros españois.“E a industria naval en Galicia alcanza neste momento as súas maiores cotas de diversificación: buques de defensa e aprovisionamento, pesqueiros, cruceiros ou megaiates, entre outros”, aseverou, ao tempo que subliñou que, neste momento, a carga de traballo xa en carteira ou en estadios finais de negociación en todos os estaleiros galegos alcanza un valor de preto de máis de 3.500 millóns de euros.


- Te recomendamos -