A estadía media medra un 4% e acada o resultado máis positivo dos últimos cinco anos, con máis de 387.000 viaxeiros aloxados que realizaron máis de 760.000 noites
Os establecementos hoteleiros de Galicia volveron mellorar o seu nivel de rendibilidade no mes de outubro ata acadar a cifra máis elevada da década. Así se extrae dos datos difundidos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que constata un novo incremento no RevPAR, o ingreso medio por habitación dispoñible, do 1,5% en relación ao mesmo período do pasado ano 2017.
Esta evolución vén acompañada dunha mellora paralela nas tarifas hoteleiras, que experimentaron un incremento de case o 2% no mesmo mes. Estas cifras dan continuidade ao observado ao longo deste ano, no que o turismo galego se consolida no cuantitativo, tras un lustro de crecementos por riba do esperado, e avanza nas variables cualitativas.
A cifra de viaxeiros aloxados nos hoteis e pensións da Comunidade superou os 387.000, onde realizaron máis de 760.000 pernoitas. Especialmente salientable é o feito de que decidiran alongar a súa viaxe e permanecer máis tempo en Galicia. Con dúas noites, a estadía media nestes establecementos medrou un 4% ata obter o mellor resultado dos últimos cinco anos.
Así mesmo, a ocupación nas fins de semana incrementouse en 2,3 puntos. En conxunto, sitúase no 40,3% no décimo mes do ano, o segundo dato máis elevado desde o 2005.
Este salientable crecemento ten lugar en pleno outono, unha época na que a Xunta e o sector veñen desenvolvendo diferentes iniciativas tanto de promoción como de creación de produto, con experiencias turísticas que captan a atención dos visitantes fóra da tempada estival. Neste sentido, estase a celebrar a 12ª edición do Outono gastronómico en turismo rural, coa participación de 86 establecementos e 172 menús diferentes nas catro provincias; De tapas por Galicia, que combina o turismo urbano e o enogastronómico; os Trens Turísticos de Galicia, que rematou cos seus mellores datos, ou o Catálogo de Produtos de Turismo Rural de Galicia – Outono 2018, desenvolvido en colaboración co Clúster Turismo de Galicia.
Expectativas optimistasOs resultados coñecidos hoxe corroboran as expectativas do sector, que amosa optimismo para a recta final do ano. Así se pon de manifesto na Enquisa de Confianza Turística Empresarial de Exceltur, na que Galicia aparece como o sexto destino de España con mellores perspectivas e o segundo de España Verde, as comunidades no norte peninsular. En concreto, un 79% dos empresarios prevé aumentar ou manter os seus beneficios no último trimestre do ano e case un 55% tamén agarda o mesmo respecto as súas ventas.
- Te recomendamos -