O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá no Forúm Europa Tribuna Galicia, onde detallou as novas medidas que porá en marcha o Goberno galego
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe en Vigo no Fórum Europa Tribuna Galicia, onde apelou á necesidade de consenso das distintas institucións e da sociedade en xeral para facer fronte á violencia de xénero.
Na súa intervención, o vicepresidente detallou as medidas que ten en marcha o Goberno galego para atender ás vítimas, e sensibilizar e mellorar a prevención desta lacra. Ademais, fixo un percorrido polas novas actuacións que se porán en marcha ao abeiro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Entre outras, lembrou que a Administración autonómica porá en marcha unha quenda de garda psicolóxica especializada e permanente para mulleres e os seus fillos menores, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Do mesmo xeito, tamén se aprobará un Plan integral de atención aos menores orfos por causas da violencia de xénero, para darlles apoio en todo o proceso, así como unha indemnización económica.
Outras das medidas que destacou foron os incentivos ás empresas e entidades locais que contraten a mulleres vítimas de violencia de xénero; a ampliación da Rede galega de acollemento; programas de apoio específico para as vítimas do ámbito rural; un plan integral de acceso á vivenda mediante axudas mensuais; ou a realización dunha macroenquisa sobre a percepción da violencia de xénero en Galicia.
Buzón de suxestiónsNa liña de traballar en colaboración e coas achegas de toda a sociedade en xeral, o vicepresidente da Xunta anunciou que o Goberno galego abrirá un buzón de suxetións en internet co fin de que todo o mundo poida presentar as súas propostas na materia, que serán avaliadas de cara a súa posible posta en marcha no futuro.
- Te recomendamos -