Inicio Galicia A Xunta licita o contrato para a fabricación de 180 novas marquesiñas...

A Xunta licita o contrato para a fabricación de 180 novas marquesiñas para iniciar a renovación destas instalacións mediante un investimento duns 800.000 euros

0

O Goberno galego implantará instalacións axeitadas ás paradas das liñas de transporte interurbano de viaxeiros por estrada que ofrezan unha protección fronte as inclemencias meteorolóxicas e melloren a comodidade dos usuarios

A Xunta vén de licitar o contrato para a fabricación de 180 novas marquesiñas coas que iniciar a renovación deste tipo de instalacións do transporte público, mediante un investimento de 800.000 euros.

O prazo para presentar as ofertas correspondentes a este contrato remata o vindeiro 27 de decembro.

Con esta licitación ponse en marcha o Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público, que suporá a creación dun imaxe recoñecible das marquesiñas de Galicia, o que comezará a verse no territorio no 2º trimestre do ano 2019.

A Consellería de Infraestruturas achegaralles as marquesiñas aos concellos para que as instalen e asuman a súa conservación e mantemento.

O Goberno galego implantará instalacións axeitadas ás paradas das liñas dos servizos de transporte interurbano de viaxeiros por estrada que ofrezan ao usuario unha protección fronte as inclemencias meteorolóxicas e melloren a comodidade durante a espera.

As marquesiñas serán de madeira de piñeiro para evitar o seu deterioro e contarán con deseños integrados na paisaxe, con versións adaptadas aos ámbitos rural e urbano.

Cómpre sinalar que de xeito complementario, a Axencia Galega de Infraestruturas xa está prevendo a instalación destes refuxios nos seus proxectos de sendas e eliminación de treitos de concentración de accidentes.


- Te recomendamos -