O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación do traballo gañador
O artista José Rosendo Cid Menor (Ourense, 1974) foi o gañador do I Premio CGAC de Investigación e Ensaio polo texto A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria. O galardón, dotado con 3.000 euros, implica tamén a súa publicación, co que inaugurará unha nova colección titulada CGAC_Ensaio. A resolución do premio pode consultarse no Diario Oficial de Galicia.
O xurado, presidido polo director do CGAC, Santiago Olmo, e integrado pola crítica de arte e comisaria Mónica Maneiro e os profesores Ramón Villares (Universidade de Santiago de Compostela) e Antón Castro (Universidade de Vigo), valorou especialmente a orixinalidade do enfoque e a calidade literaria dun texto marcado polo humor e a ironía, dúas estratexias presentes tamén na obra plástica do artista ourensán.
Coincidindo coa celebración, en 2018, do seu 25 aniversario, este centro de xestión autonómica, adscrito á Consellería de Cultura e Turismo, botou a andar o I Premio CGAC, enfocado a textos inéditos escritos en galego de acordo coa normativa vixente, en relación con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea. Co fin de favorecer novas canles especializadas en Galicia para publicar textos sobre arte contemporánea, mediante esta convocatoria o CGAC pretende promover a investigación e a produción de pensamento sobre esta materia en galego e apoiar así a creación nesta lingua.
Coa posta en marcha deste premio, o CGAC avanza no seu obxectivo de promover o coñecemento e o acceso do público á arte contemporánea nas súas diversas manifestacións e de favorecer a comunicación social das artes plásticas. Con este fin, o centro vén desenvolvendo un importante traballo editorial no eido da arte contemporánea, recollendo e documentando tanto as súas actividades e exposicións como a súa colección.
Traxectoria do galardoadoLicenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, especialidade de Escultura, Rosendo Cid dedícase tanto a esta arte visual como á fotografía, o colaxe ou o debuxo. É autor, así mesmo, de diversos catálogos e publicacións. Como parte do seu proceso creativo, busca obxectos e imaxes orfas coas que crea obras de arte que modifican e amplifican o sentido desde primeiros materiais. Expón regularmente desde o ano 2000. Ten participado en varios proxectos no CGAC. Así, en 2014 tomou o protagonismo coa mostra individual O enxeño da escaleira e este ano participou na mostra colectiva En construcción, conmemorativa dos 25 anos do CGAC. A súa obra forma parte da colección do centro. Ademais, neste mesmo ano acadou o Primeiro Accésit da segunda edición do certame de Relato Breve Nélida Piñón.
- Te recomendamos -