Esta tarde comezaron no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela de Lamas de Abade as XXI Catas dos Queixos de Galicia nas que este ano participan 59 industrias con 70 mostras e que continuarán mañá, venres. Así, cataranse 27 mostras na categoría de queixo Tetilla, 18 de Arzúa-Ulloa, nove de Arzúa-Ulloa curado, 10 de San Simón da Costa, catro do Cebreiro e, por primeira vez amplíase unha categoría específica para o Cebreiro curado con outras dúas mostras. Finalmente escollerase un gañador para cada un dos tipos de queixos que, como é habitual, se dará a coñecer nunha gala específica para as catas dos meles e queixos.
A Axencia Galega da Calidade Agroalimentaria (Agacal), que organiza este certame en colaboración cos consellos reguladores, estivo presente no acto a través do seu director, Manuel Rodríguez, que deu a benvida aos doce catadores-expertos.
- Te recomendamos -