Feijóo avanza que a empresa de referencia internacional BOEING desenvolverá unha solución para regular o tráfico aéreo e xestionar escenarios singulares onde concorran aeronaves tripuladas e non tripuladas
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o crecemento e consolidación do polo aeroespacial de Rozas, en Lugo, coa adxudicación de tres novos proxectos que suporán un investimento público-privado de 14 millóns de euros e darán carga de traballo cualificado a 103 persoas. Estes tres novos proxectos súmanse aos seis xa adxudicados o pasado mes de outubro.
No tocante á primeira adxudicación, Feijóo subliñou que desenvolverá unha solución para regular o tráfico aéreo e xestionar escenarios singulares onde concorran aeronaves tripuladas e non tripuladas: un reto de futuro que é necesario responder para que a industria dos drons poida despregar todo o seu potencial.
Con este obxectivo, Galicia contará coa participación en Rozas dunha empresa de referencia internacional: BOEING, que se suma ás dúas que xa están desenvolvendo os seus proxectos alí (Indra e Babcock). Aos 6 millóns de euros da adxudicación é preciso engadir os preto de 4 que Boeing porá dos seus propios recursos e que inclúe, por exemplo, un simulador de probas e continxencias.
O titular da Xunta explicou que, só do proxecto de Boeing, dependerán 58 postos de traballo de alta cualificación. Todo isto, coa finalidade de impulsar a participación da industria galega neste segmento tecnolóxico e atraer cara á Comunidade grandes actores da seguridade aérea.
En relación á segunda adxudicación, Feijóo explicou que esta desenvolverá unha solución para reforzar a seguridade marítima da frota pesqueira galega e o seguimento e control da súa actividade mediante un sistema de monitorización continua.
Cun orzamento de preto de 1,5 millóns de euros, este proxecto será desenvolvido por un consorcio formado por tres empresas: UTE Imatia Innovación, S.
L; Cartogalicia, S.
L.; e Industria Ferri, S.
A.
A terceira adxudicación desenvolverá unha solución que permitirá dotar aos organismos da Administración galega responsables do control das distintas masas de auga dun servizo mellorado de mostraxe e recollida de datos baseado nas novas tecnoloxías e no uso de vehículos autónomos aéreos e acuáticos.
Os obxectivos que se pretenden alcanzar mediante este proxecto serán: abaratar os custos actuais; mellorar a periodicidade na toma de mostras; e incrementar a posibilidade de realizar este tipo de actividades nas augas marítimas en condicións meteorolóxicas adversas.
Cómpre salientar que esta iniciativa foi adxudicada por 2,45 millóns de euros a un consorcio formado por tres empresas: Adantia; Indra Sistemas e Sixtema.
Durante a rolda de prensa, Feijóo subliñou que, a maiores de Boeing e dos dous consorcios formados por tres compañías cada un, a previsión é que se involucren tamén nestes proxectos: catro centros de coñecemento galegos; oito empresas; e dous organismos públicos.
Así mesmo, incidiu en que, de todas as empresas participantes: 7 de cada 10 son galegas e o 57% traballan por primeira vez no polo de Rozas.
Cunha mobilización inicial programada de 150 millóns de euros, o polo aeroespacial de Galicia, ademais deste Programa de Solucións, inclúe un investimento de 115 millóns, a través da Fase A (do programa de I+D no que a Xunta conta con dous socios estratéxicos -Indra e Babcock-). Ademais dun orzamento de 10 millóns de euros para o Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR). E, proximamente sumaranse tamén, os investimentos que se van realizar para completar as instalacións actuais en Rozas, cun novo parque industrial (2,4 millóns), así como a posta en marcha da aceleradora aeronáutica, con preto de 5 millóns. Deste xeito, o investimento previsto acada agora os 157 millóns dos que máis de 50 xa se están executando.
- Te recomendamos -