Antonio Fernández-Campa participou na Comisión de investigación de Sanidade do Parlamento de Galicia
O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, destacou a gran calidade da sanidade pública en Galicia e que a Xunta seguirá traballando para incrementar e mellorar a asistencia sanitaria. Antonio Fernández-Campa participou esta mañá na Comisión de Investigación do Sistema Sanitario do Parlamento de Galicia durante o período 2009-2018.
Na súa comparecencia destacou que os indicadores de saúde máis significativos manteñen unha clara tendencia á melloría nestes anos analizados e revelan que se trata dun sistema eficaz. Neste senso, Antonio Fernández-Campa salientou que os galegos teñen unha esperanza de vida maior que hai 10 anos. Así, no ano 2007, a esperanza de vida en Galicia situouse en 81,1 anos e en 2015 estaba en 82,9 anos, cun aumento de 1,8 días. Para o xerente do Sergas “é especialmente significativo este dato se temos en conta que España é o país da Unión Europea, e o segundo do mundo, con maior nivel de esperanza de vida”. O xerente do Sergas tamén destacou que “as taxas de mortalidade tratable son baixas e cunha clara tendencia á redución, o que indica que se trata dun sistema de atención sanitaria moi eficaz”.
Durante a súa intervención fixo especial fincapé no esforzo realizado pola Xunta de Galicia nos orzamentos da sanidade pública galega, aos que dedica xa o 40% do orzamento total. Actualmente, o gasto sanitario público por habitante en Galicia ascende a 1.420 euros, 90 euros por riba da media do Sistema Nacional de Saúde (situada en 1.332 euros) e 1,1 puntos na participación sobre o PIB.
Así, se se observan os datos de gastos non financeiros, o orzamento para a Sanidade pasou de 3.639 millóns de euros en 2008 a 3.861 millóns de euros en 2018, é dicir, 222 millóns de euros máis. O xerente do Sergas tamén destacou a redución realizada no gasto farmacéutico, incluíndo receitas médicas e o gasto de farmacia hospitalaria, e que no ano 2016 reduciuse en 103 millóns de euros con respecto do realizado no 2008. Esta tendencia de aforro no gasto en farmacia débese á potenciación do uso dos medicamentos xenéricos e á aprobación da Lei Galega 12/2010 de Racionalización do Gasto na Prestación Farmacéutica na Comunidade Autónoma.
En materia de persoal, Galicia é a única comunidade autónoma que mantivo as convocatorias anuais das OPE nos últimos anos. En concreto, o gasto real en materia de persoal de 2016 supuxo 121 millóns de euros máis que o gasto liquidado no 2008, esta tendencia reflíctese tamén na evolución anual da media diaria de profesionais, pasando de 36.256 en 2008 a 38.050 profesionais en 2017.
Aumento global de actividade entre 2008-2017Antonio Fernández-Campa destacou que “é preciso valorar como se traducen as dotacións orzamentarias na actividade do Sergas”, e nesta liña, remarcou o aumento da actividade global da sanidade pública galega. Aumentou a actividade cirúrxica coa realización de 29.767 intervencións máis ao ano no período 2008-2017, pasando de 175.510 intervencións a 205.777 no 2017. Tamén se realizaron un 27% máis de transplantes ao ano nese período 20018.2017, “situando a Galicia nos mellores niveis dos servizos de saúde europeos”.
Tamén se produciu nestes anos un incremento das consultas dos centros hospitalarios, en concreto 408.444 consultas médicas presenciais máis e 103.657 consultas non presenciais máis, que permiten que o paciente reciba a atención con todas as garantías e calidade sen ter que desprazarse ao hospital.
As consultas en Atención Primaria aumentaron en 396.787, pasando de 25,8 millóns de consultas totais realizadas en 2008 a 26,1 millóns de consultas en 2017. Ademais, continúa o avance das citas telefónicas neste nivel dispoñibles para todas as especialidades e que actualmente representan o 13,5% do total de consultas realizadas, das que o 99,87% se resolven sen necesidade de acudir ao centro de saúde.
Xestión por prioridades clínicasO xerente do Sergas destacou que continúa o obxectivo de incrementar a eficiencia mantendo o principio de equidade e xestionar por prioridades clínicas. A lista de espera cirúrxica está nos seus mínimos históricos; o tempo medio de espera cirúrxica global situouse en 66,4 días de espera media a finais de 2017 fronte aos 69,5 días no 2008 e a prioridade 1 está situada en 18,1 días de espera media fronte aos 40,1 días de espera media do 2008.
Tamén incidiu que nestes anos apostouse pola implantación das vías rápidas para procesos que requiran unha intervención rápida por motivos de gravidade do doente, e dende 2016 hai sete vías rápidas implantadas en todos os hospitais. O Decreto de tempos máximos xa beneficiou neste primeiro ano a 32.648 persoas ata outubro de 2018.
- Te recomendamos -