A Delegación da Xunta en Ourense súmase á campaña institucional para o Día internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, que se celebra o próximo 25 de novembro. A fachada da sede institucional loce o lema da presente edición, unha mensaxe clara e directa que reza “Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta. Sen ningún xénero de dúbida. NON”.
A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, indicou que con este lema a Xunta quere decirlle NON a todas a formas de violencia de xénero que están recollidas na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e que se recollen no seu artigo 3: Violencia física, Violencia psicolóxica, Violencia económica, Violencia sexual e abusos sexuais, Acoso sexual, e a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. Díaz Mouteira subliñou que o compromiso contra a violencia de xénero debe estenderse aos 365 días do ano. “É fundamental concienciar a toda a sociedade de que este é un problema de todas e de todos, e só coa implicación de todas e todos poderase facerlle fronte”, asegurou.
A campaña rematará o próximo domingo, data na que terá lugar en Santiago de Compostela a sexta edición da andaina “Camiño ao respecto”, que sairá dende o Monte do Gozo ás 10:30 horas ata a Praza do Obradoiro coa lectura dun manifesto contra da violencia de xénero, aproximadamente ás 12:00 horas.
- Te recomendamos -