No CEIP Lagostelle de Guitiriz as actuacións consistiron no cambio de fiestras, colocación de falsos teitos e luminarias LED no edificio administrativo, completando a mellora realizada o pasado ano no edificio escolar
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de acometer distintas obras de mellora en tres centros educativos da comarca da Terra Chá, en concreto, no CEIP Lagostelle de Guitiriz, no CEIP Ramón Falcón de Castro de Rei e na Escola de Educación Infantil de Vilalba.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que o Goberno galego destina para este fin preto de 75.000 euros que se distribúen en distintos traballos de reforma das instalacións e dos que se beneficia o conxunto da comunidade escolar, en particular, alumnado e profesorado destes centros.
CEIP Lagostelle de GuitirizA obra máis relevante, pola súa contía é a que se vén de acometer no CEIP Lagostelle de Guitiriz e na que se investiron preto de 50.000 euros. Os traballos, consistiron fundamentalmente no cambio de fiestras e da carpintería exterior do edificio e na colocación de falsos teitos e novas luminarias con tecnoloxía LED.
Estas actuacións contribúen a dispoñer dun centro máis eficiente desde o punto de vista enerxético, con notables melloras no comportamento térmico das instalacións e da iluminación, proporcionando un maior confort e benestar aos seus ocupantes.
Cómpre lembrar que o ano pasado, a administración autonómica xa realizou un investimento con esta mesma finalidade neste centro. Daquela a achega da administración autonómica superou os 573.186 euros e desenvolveuse no edificio escolar. Os novos traballos previstos afectan ao edificio administrativo, completando a mellora integral do colexio.
EEI de VilalbaPor outra banda, a Xunta tamén acomete unha reforma da aula de usos múltiples na Escola de Educación Infantil de Vilalba, na que se invisten 15.000 euros. Estas instalacións ofrecen unha ampla flexibilidade, segundo as necesidades e actividades que se programan no centro, con mobiliario adaptado e espazos máis diáfanos que encaixen con cada tipo de requirimento.
CEIP Ramón Falcón de Castro de ReiFinalmente, a administración autonómica tamén achega 11.500 euros para acometer diversas obras de acondicionamento xeral en varias aulas do CEIP Ramón Falcón de Castro de Rei, mellorando os espazos e adaptando a súa configuración ao uso docente que en cada un deles se determine desde a dirección do centro.
- Te recomendamos -