Trátase de coñecer e valorar as novas saídas profesionais que ofrecen as novas tecnoloxías da información
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, destacou hoxe, durante un encontro sectorial no Espazo Xove de Ourense, a aposta da Xunta por “reforzar a aprendizaxe dixital da xente nova como valor engadido no ámbito socio-laboral”. Cecilia Vázquez asistiu a este evento, que baixo o título A innovación como base de emprendemento: A Molinera, laboratorio de innovación dixital, reuniu a mozos e mozas con actores empresariais da zona coa finalidade de impulsar a aparición de oportunidades no campo da innovación dixital.
Ao respecto desta actividade que tamén contou coa asistencia da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, a directora xeral explicou que estivo centrada no papel das ferramentas dixitais e tecnolóxicas para a sociedade actual do coñecemento e os novos profesionais. Trátase de reforzar o achegamento da mocidade á formación en competencias dixitais, “unha xeración que convive cas tecnoloxías da información desde a súa infancia”, apuntou. Nesta liña, engadiu que outro dos obxectivos do encontro é que a mocidade coñeza e valore as novas profesións relacionadas con este ámbito de actividade como posibles saídas profesionais, ademais de ofrecer un espazo para a adquisición de coñecementos que axuden ao desenvolvemento persoal e profesional.
Cecilia Vázquez lembrou que o Espazo Xove de Ourense conta cun Espazo Emprende aberto ao abeiro do programa europeo Lidera. Neste espazo os rapaces e rapazas poden impulsar os seus proxectos e ideas de negocio a través do coworking. Así, nestas instalacións as persoas usuarias dispoñen tanto de medios como de asesoramento personalizado e formación para a posta en marcha das súas propostas. De feito, o vindeiro luns, día 26 de novembro, está programada neste Espazo Emprende unha sesión de coaching.
- Te recomendamos -