Esta actuación contou cun orzamento global de 314.600 euros, dos que a Xunta achegou o 65% do presuposto total do proxecto
A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, visitou na mañá de hoxe o municipio pontevedrés de Marín onde acudiu ás pistas de atletismo da Raña, sitas no estadio municipal de San Pedro e foron reformadas pola Xunta de Galicia e mais o concello. Alí, a responsable do Deporte galego fixo un recorrido polos principais deportistas marinenses entre aos que destacou aos irmáns De la Torre, atletas que chegaron a participar nos Xogos Olímpicos, así como a gran cantidade de eventos deportivos celebrados nesta vila e que, moitos deles, supuxeron a presenza da secretaria xeral en Marín. “Falar de Marín, implica de xeito obrigado, falar de deporte”, apuntou.
Tras asegurar que o atletismo ten “unha importancia capital” na vila de Marín, a titular de Deporte galego salientou que, grazas as obras levadas a cabo nas pistas da Raña, instalouse un pavimento deportivo renovado e adaptado ás esixencias da Federación de Atletismo. Estas pistas contan con 400 metros de corda e unha recta de 6 rúas de 110 metros de lonxitude xunto á bancada. Ademais, a tenor das obras foi reformulada a posición da pista de salto de lonxitude e triplo e relocalizáronse os bancos de fútbol. Tanto o salto de altura como o de pértega sitúanse na media lúa norte e contan cun novo pavimento continuo.
O campo de fútbol tamén obtivo melloras ao instalarse unha pista de adestramento para porteiros, eliminando o pavimento existente e marcándose unha área de fútbol cunha portería de fútbol 11. Ademais executáronse actuacións precisas para a mellora do funcionamento das instalacións tales como o novo sistema de drenaxe da pista ou a nova rede de saneamento.
Esta actuación contou cun orzamento global de 314.600 euros, dos que a Xunta achegou un total de 205.669 euros, o 65% do orzamento total do proxecto. Segundo a secretaria xeral, esta infraestrutura estará “destinada, principalmente, ao deporte base da vila que, de seguro, acadará que un maior número de nenos e nenas acudan a estas pistas a facer deporte”.
Cos novos orzamentos xa aprobados, de cara ao novo exercicio orzamentario de 2019, a secretaria xeral investirá un total de 3.934.217 na construción e mellora das instalacións deportivas de Galicia, tanto propias (2.834.217 euros) como as de titularidade municipal (1.100.000 euros), para continuar optimizando a rede de infraestruturas deportivas de Galicia. Este montante supón un aumento do 63,5% sobre o investimento inicial dos orzamentos de 2018.
- Te recomendamos -