O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión con representantes das principais compañías do sector para escoitar as súas propostas e trasladarlles a postura do Goberno galego
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión con representantes das empresas electrointensivas de Galicia na que se acordou a constitución dunha mesa de traballo para identificar, de xeito conxunto, medidas urxentes e estruturais que permitan a este sector, que emprega a 4500 persoas en Galicia, mellorar a súa competitividade.
Tal e como explicou o conselleiro, o obxectivo da reunión foi establecer un diálogo fluído con estas empresas para coñecer de primeira man as súas propostas, tanto de cara a poxa de decembro como para abordar un marco eléctrico estable, así como para trasladarlles a posición do Goberno galego.
A Administración galega e as empresas decidiron constituír un grupo de traballo co obxectivo de identificar, en primeiro lugar, medidas urxentes de cara a vindeira poxa –na que o Goberno oferta dous bloques menos de 40MW, creando unha situación de incerteza- e posibles actuacións para 2019 e, en segundo lugar, medidas estruturais para definir un marco eléctrico estable que permita competir ao sector en igualdade de condicións tanto a nivel nacional como internacional, algo que pasa por contar con inicitivas que permitan abaratar o custo eléctrico con respecto a outros países europeos. Asegurou que se avaliarán os mecanismos de compensación que outros países da UE están aplicando con total seguridade xurídica: “Temos que lograr que as empresas accedan a un custo enerxético homologable e comparable ao dos países europeos”.
Conde explicou que se traballará pensando no anteproxecto de lei de cambio climático que contempla a creación dun estatuto das empresas electrointensivas: “Desde Galicia defenderemos a posición das nosas empresas co obxectivo de fixar tecido industrial”, asegurou e aclarou que a transición enerxética ten que conxugar medidas que reduzan o impacto do cambio climático con outras que permitan fixar tecido industrial e seguir creando emprego.
AlcoaTal e como avanzou o conselleiro, mañá terá ocasión de trasladar esta postura na mesa de traballo que se vai celebrar en Madrid para abordar a situación de Alcoa.
Neste sentido, Conde reiterou que a posición da Xunta non cambiou e que a prioridade son os traballadores e as súas familias, polo que a solución pasa pola retirada do ERE por parte de Alcoa, para ter marxe de traballo e buscar respostas concretas; e traballar co Goberno para contar cun marco estable no que a poxa responda ás necesidades das empresas electrointensivas e se activen mecanismos de compensación. Insistiu en que o Executivo central ten que tomar a iniciativa e concretar ese marco estable que permita a continuidade desta industria.
- Te recomendamos -