Inicio Galicia Galicia insiste en Bruxelas na necesidade dunha PAC común, forte e ben...

Galicia insiste en Bruxelas na necesidade dunha PAC común, forte e ben dotada de orzamento máis alá do 2020

0

O titular de Medio Rural avogou por manter como mínimo o actual orzamento da Política Agrícola Comunitaria e reafirmou a defensa dos intereses dos agricultores e gandeiros galegos, sempre con lealdade ao Goberno Central


O conselleiro do Medio Rural, José González, insistiu hoxe en Bruxelas na necesidade dunha Política Agrícola Comunitaria (PAC) forte e común máis alá do 2020. Para iso, é preciso que se manteña o actual orzamento e que esta política continúe baseada en dous piares (axudas directas e desenvolvemento rural), sendo o primeiro deles financiado exclusivamente con fondos europeos.

O conselleiro, que asistiu ao Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea en representación das comunidades autónomas españolas, defendeu a postura de Galicia, froito do consenso entre a Xunta, as organizacións profesionais agrarias e as cooperativas.

Esta posición común sostén, entre outros principios, a defensa de máis peculiaridades das explotacións galegas dentro do plan estratéxico nacional que a Unión Europea establece para o novo período da PAC. O que se pretende é unha mellor adecuación dos obxectivos que persegue a política agrícola da UE ás características de cada territorio, pero evitando fragmentacións rexionais que só prexudicarían aos agricultores e gandeiros e romperían, ademais, a unidade de mercado.

Nesta mesma liña, José González reafirmou que “a Xunta apoia a postura do Ministerio no sentido de reclamar unha PAC única, forte e dotada de orzamento”, sempre, iso si, “defendendo os intereses dos agricultores e gandeiros galegos” e as peculiaridades da nosa comunidade autónoma, no que atinxe aos seus principais sectores produtivos. En relación co sector lácteo, o conselleiro sinalou que hoxe en Bruxelas abordouse a situación de diferentes mercados, entre eles o do leite, e que se constatou a situación de estabilidade que se vive no conxunto da Unión Europea en relación con este eido produtivo.

Ademais, advertiu que a inminencia das próximas eleccións europeas condiciona o debate sobre a futura PAC, que se atopa, dixo, “nunha fase bastante primaria, nun punto de partida”, polo que haberá que seguir negociando, pero ao tempo amosou o seu “optimismo” sobre o resultado final de todo o proceso.

O conselleiro explicou que, neste debate, Galicia aposta por apoiar ás pequenas e medianas explotacións, que son maioría na nosa comunidade, con medidas como o establecemento dun tope máximo de 60.000 euros de axuda por explotación, e non de 100.000 como propón inicialmente a Comisión Europea. Considérase, así mesmo, adecuado limitar o traspaso entre piares a un máximo do 10% dos fondos, e só autorizarse desde o segundo (desenvolvemento rural) ao primeiro (axudas directas). Avógase tamén por unha efectiva simplificación da PAC, en beneficio dos agricultores e gandeiros, así como por rebaixar a carga administrativa na súa tramitación.

O conselleiro reiterou a importancia de continuar apoiando a incorporación de mozos á actividade agraria, especialmente porque se impulsen as sociedades nas que se incorporen estes agricultores, dunha forma menos restritiva que a actual. Deféndese, ademais, unha discriminación positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais, así como para as pequenas explotacións. Tamén, unha axuda redistributiva, de forma que o importe das primeiras hectáreas sexa superior ao do resto, para garantir o apoio a pequenas e medianas explotacións, algo esencial en territorios como Galicia e a Cornixa Cantábrica, onde as explotacións están limitadas pola orografía e o modelo é o familiar. 


- Te recomendamos -