O Goberno galego destinará 100.000 euros para formar ao alumnado, ao profesorado e ás familias contra a violencia sexual a menores
A Xunta de Galicia, coincidindo co Día Mundial para a Prevención do Abuso e o Maltrato infantil, anuncia que impulsará unha medida para sensibilizar os estudantes contra o abuso infantil. Farao en colaboración coas tres Universidades galegas e coa Asociación para a Prevención do Maltrato Infantil en Galicia (Amino.
Gal). A Administración autonómica destinará 100.000 euros a poñer en marcha o programa ‘Poñendo os lentes para a protección da infancia’, que se desenvolverá no presente e no vindeiro curso académico en centros educativos das sete cidades galegas.
Así, ‘Poñendo os lentes para a protección da infancia’ ten por finalidade formar e sensibilizar contra a violencia sexual a menores nos centros educativos galegos e tamén proporcionar ferramentas ao profesorado, alumnado e ás familias. A campaña comezará coa formación de voluntarios para poder difundir este programa. Este voluntariado será seleccionado entre os estudantes de segundo e terceiro de Ciencias da Educación das Universidades participantes. Para iso, impartiranse dúas xornadas divulgativas e informativas e, posteriormente, celebrarase unha formación de 60 horas, cos contidos que achegará Amino.
Gal. Nunha segunda fase, o programa presentarase aos centros de educación infantil, primaria e especial das sete cidades galegas. Os equipos de voluntarios realizarán charlas de concienciación entre o alumnado dos niveis educativos involucrados.
En concreto, as accións levaranse a cabo en dous cursos escolares. No presente curso a campaña desenvolverase en catro cidades (A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo) e no curso 2019/2020 será en outras tres (Ferrol, Santiago de Compostela e Pontevedra).
Cómpre destacar que foi o Consello de Europa o que iniciou a campaña baixo o nome ‘Un de cada cinco’, que fai referencia á cifra estimada de menores que, en todo o continente, sofren ou sufriron algunha destas agresións. Pola súa parte, o Goberno galego, no 2014, foi o primeiro executivo autonómico en adherirse de forma oficial a esta iniciativa. Esta é a primeira vez que se asina un convenio en materia de loita contra a violencia sexual infantil que conta coa participación das tres universidades galegas e das consellerías de Política Social e Educación.
Outras medidas neste eidoUnha adhesión que continúa un traballo intenso nesta materia a través da posta en marcha de varias medidas como as campañas 37mil SorriSOS e #acendamolaluz, a través das cales se realizou a divulgación de material dixital sobre esta materia; o programa de intervención con nenos, nenas e adolescentes vítimas de abusos sexuais, que ten como obxectivo o tratamento terapéutico en menores vítimas das diferentes formas de abuso sexual infantil e o asesoramento e acompañamento ás familias e equipos profesionais dos que depende o seu coidado; ou a celebración, o pasado 25 de abril, do I Foro Vacínate, un encontro no que se reuniron máis de 200 profesionais do mundo da psicoloxía, a xustiza e a pedagoxía con asociacións e colectivos que traballan con menores.
Ademais disto, a Xunta de Galicia, en colaboración coa compañía Baobab Teatro, puxo en escena o espectáculo teatral Pum Pum!, unha obra que representa historias cotiás que lles acontecen aos menores e a través da cal se transmite a mensaxe aos nenos e nenas que asistan á función de que ninguén pode obrigalos a facer cousas que non queren. Esta peza teatral, enmarcada na campaña 37mil SorriSOS, xa se representou nas principais cidades galegas nas que chegou a máis de 6000 escolares galegos.
- Te recomendamos -