O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se abre un período de 45 días para poder presentar alegacións e suxestións ao documento orixinal
A Xunta someterá ao trámite de información pública o proxecto de decreto do Plan Reitor de Uso e Xestion (PRUX) do parque natural Monte Aloia. Así consta no anuncio publicado hoxe no DOG, polo cal se abre un período de 45 días contado a partir de mañá durante o cal todas as entidades, institucións ou cidadáns interesados poderán facer as súas achegas ao documento orixinal co fin de enriquecelo e acadar o máximo nivel de participación e de consenso.
Cómpre lembrar que os PRUX son un instrumento de ordenación que detalla os obxectivos e criterios de xestión que rexen en cada parque natural, protexe e regula os usos e aproveitamentos permitidos en cada unha das zonas identificadas e concreta as actuacións a desenvolver en materia de conservación, uso público ou investigación, entre outras, durante os seus seis anos de vixencia.
O seu obxectivo xeral é o mantemento nun bo estado dos hábitats naturais e das especies de flora e de fauna de interese presentes no parque tendo en conta á vez as esixencias económicas, culturais e sociais da zona e promovendo a difusión dos seus valores naturais e culturais pola vía da investigación e da divulgación educativa.
Para a consecución destes obxectivos o PRUX apóianse nos seguintes instrumentos: regulación de usos e actividades; zonificación do territorio do parque con distintas categorías de protección; e Plan de Emerxencias.
Zonificación e axilización dos procedementosNo caso concreto do plan do Monte Aloia identifícanse 3 zonas: de uso limitado, na que se inclúen as áreas cos principais valores naturais do parque, polo que o seu uso público queda restrinxido; de uso compatible, sometidas a un aproveitamento forestal ordenado de carácter tradicional que non choca cos obxectivos de conservación; e de uso xeral, unha zona de aproveitamento para actividades de recreo e lecer na que a convivencia entre os valores naturais e o uso recreativo se consideran compatibles.
Esta división supón unha simplificación con respecto á recollida no Plan de Ordenación de Recursos Naturais do ano 2001, que distinguía catro zonas en función dos seus usos e que no PRUX actual vense reducidas a tres ao integrar as de uso xeral turístico e recreativo e as de uso xeral de infraestruturas e viaria nunha única e mesma categoría.
Como novidades, o PRUX do Monte Aloia recolle a previsión de axilizar determinados trámites e procedementos, por exemplo, a corta de arborado a través das declaracións responsables nos casos de montes que conten cun instrumento de ordenación informado pola Consellería de Medio Ambiente.
Polo que respecta ao Plan de Emerxencias, o que se pretende é optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles no parque, co obxectivo de controlar de forma rápida a evolución dunha eventual emerxencia e minimizar as súas consecuencias.
Co fin de acadar os seus obxectivos fundamentais, o documento tamén establece un total de 21 proxectos a desenvolver durante a súa vixencia. Concretamente, prevé actuacións para actualizar e mellorar o coñecemento básico sobre o medio biolóxico do parque natural; proxectos para incrementar a capacidade de acollida de biodiversidade dos hábitats propios da zona; accións dirixidas a conservar a flora e a fauna de interese; e medidas para a xestión do uso público, divulgación, concienciación e participación cidadá no parque.
En todo caso, o novo PRUX non fixa novas limitacións nin máis restritivas respecto das xa establecidas no Plan de Ordenación dos Recursos Naturais. Neste sentido, o documento busca ante todo clarificar e sistematizar a normativa existente co fin de contar cunha regulación única que compatibilice cada un dos usos existentes coa conservación da biodiversidade deste espazo singular.
O PRUX do Monte Aloia terá unha vixencia de seis anos aínda que podería ser revisado anticipadamente en caso de que o Plan de Seguimento e control revele a necesidade de actualizalo.
Próximos pasos para a súa aprobaciónCo anuncio publicado hoxe no DOG, son xa catro os parques naturais de Galicia que teñen os seus PRUX sometidos ao trámite de participación pública: Serra da Enciña da Lastra, O Invernadeiro, Complexo dunar de Corrubedo-Lagoas de Carregal e Vixán, e Monte Aloia.
Este trámite prolongarase durante 45 días contados a partir de mañá e unha vez finalizado este prazo, o documento deberá someterse aos informes preceptivos necesarios para proceder a súa aprobación definitiva.
Tendo en conta os trámites pendentes, a previsión que baralla a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda é que os PRUX dos parques de Serra da Enciña da Lastra, O Invernadeiro e Corrubedo poidan ser aprobados antes de que remate o ano, mentres que os de Monte Aloia, Fragas do Eume e Baixa Limia-Serra do Xurés recibirán o visto bo definitivo o vindeiro ano.
- Te recomendamos -