O obxectivo é mellorar o seu desenvolvemento profesional e facilitar a súa inserción no mercado laboral
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2018.- O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade, Perfecto Rodríguez, e o delegado para Santiago e Costa da Morte dos supermercados Gadis, José Román Roo, asinaron esta mañá na sede deste organismo da Consellería de Política Social, en San Lázaro, un convenio para a realización de prácticas formativas non laborais de participantes na Estratexia de Inclusión Social de Galicia, programa cofinanciado pola Unión Europea no Marco Operativo FSE Galicia 2014-2020. Os beneficiarios das prácticas derivadas deste convenio, que serán tuteladas, poderán realizalas nos centros da cadea alimentaria nas localidades de Carballo, A Laracha, Arteixo e Baio (Zas), cunha duración máxima de 100 horas por persoa, nun período que non superará os 34 días. O obxectivo desta actuación é mellorar o desenvolvemento profesional dos participantes, preparalos para o seu acceso ao mundo laboral -ao estar en contacto con ambientes reais de traballo e conseguir un aumento do seu grao de empregabilidade.
O contido destas prácticas formativas non laborais será proposto pola empresa e debe ser aceptado posteriormente polo equipo técnico de Inclusión do Consorcio, así como pola persoa participante na Estratexia de Inclusión Social de Galicia que vaia realizalas. Poderán acceder a esta acción todas aquelas persoas que participen na Estratexia de Inclusión Social de Galicia, que conten cun itinerario personalizado de capacitación e inserción laboral, deseñado por un equipo de Inclusión do Consorcio.
Cómpre subliñar que os alumnos que realicen estas prácticas non poden substituír en ningún caso ao persoal vinculado mediante contrato laboral con Gadisa e tampouco cubrir postos delas (nin estables, nin temporais) derivados de cargas puntuais de traballo que rexistre esa empresa. O Consorcio contratará para todos os bolseiros un seguro de accidentes laborais, que incluirá os sinistros producidos durante os desprazamentos de ida e volta dende o centro de traballo, e unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da realización de actividades relacionadas co desenvolvemento das prácticas.
O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar conta na actualidade con 18 oficinas comarcais de inclusión sociolaboral distribuídas por toda Galicia, ás que se suma un equipo que opera no módulo 1 do centro penitenciario de Teixeiro, na Coruña, con internos que están a piques de obter a liberdade, no marco do programa "Nelson Mandela".
- Te recomendamos -