O secretario xeral de Política Lingüística inaugurou esta tarde as xornadas de formación organizadas polo Centro Ramón Piñeiro, o ICE da USC e a AELG
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2018.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou hoxe á tarde na sede do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) o curso de formación “Autoras, editoras, ilustradoras, tradutoras e investigadoras na LIX galega”, organizado polo CRPIH, o Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Valentín García destacou “a actualidade deste curso, que reivindica e visibiliza o papel das mulleres no ámbito da literatura infantil e xuvenil agora que empezamos a ser conscientes, por fin, da súa importancia e das dificultades que moitas veces teñen para facerse ver no ámbito público”. Neste sentido, o secretario xeral lembrou que “a literatura galega contemporánea é das poucas que teñen como referente máximo unha muller, Rosalía de Castro, o que non sempre serviu para facilitarlles o camiño a outras que viñeron detrás”.
Acompañaron a Valentín García na inauguración das xornadas as dúas directoras do curso, Carmen Franco Vázquez e Blanca-Ana Roig Rechou, así como a secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Mercedes Queixas.
As mulleres na LIX galegaProfesorado, estudantado e público interesado en xeral reuniuse esta tarde nun curso que é o resultado do seminario realizado por investigadores e investigadoras do marco ibérico coa finalidade de formar e informar sobre as mulleres como axentes literarias na literatura infantil e xuvenil (LIX) galega. O obxectivo deste encontro formativo é que as protagonistas falen da súa propia traxectoria para visibilizar o labor das mulleres e que os mediadores (desde a docencia, a familia, a lexislación, a edición e a biblioteca) estean informados e traballen en cuestións de xénero a partir da visibilidade da LIX, xa que esta reflicte todos os avatares polos que pasaron.
O curso abriuse coa conferencia de Carmen Franco (ICE-USC) e Marta Neira (ICE-USC e CRPIH) “O papel das mulleres na LIX galega do século XXI”, que estivo seguida por unha “Presentación de libros da LIX” a cargo de Eulalia Agrelo (Universidade de Vigo) e por tres mesas redondas. A primeira, dedicada ao papel das editoras no século XXI, estivo coordinada por Marta Neira e nela participaron Ana Guerra (Obradoiro), Belén López (Bahía) e Laura Rodríguez (Hércules). A segunda centrouse nas tradutoras e estivo coordinada por Ángela Gracián (USC). Nela interviñeron María Alonso Seisdedos, Mercedes Pacheco e Raquel Senra. A terceira das mesas de hoxe xirou arredor das ilustradoras. Estivo coordinada por Estrella Freire (ICE-USC) e nela participaron Lucía Cobo, Sonia García Vidal e Eva Seoane.
A xornada de mañá desenvolverase na Biblioteca Afundación e iniciarase cun taller de ilustración titulado “Miradas femininas” guiado por Olalla Cortizas Varela (ICE-USC), Cristina Trigo Martínez (USC) e Guillermo Calviño (Universidade da Coruña). Tras un descanso, chegará a quenda das autoras Marilar Aleixandre, Paula Carballeira e Beatriz García Turnes, que intervirán nunha mesa redonda presentada por Mar Fernández (ICE-USC e CRPIH). A profesora Blanca-Ana Roig (USC e CRPIH) será a encargada de presentar a derradeira das mesas redondas do curso, a dedicada ás investigadoras e críticas, na que participarán Isabel Mociño (USC), Carmen Ferreira (Universidade da Coruña), Carmen Franco (ICE-USC), Sara Reis (Universidade do Minho, Portugal), e Ana Cistina Macedo (Escola Superior de Educação de Porto, Portugal).
A xornada será clausurada por Pedro Lucas Domínguez, director da Biblioteca Afundación, e polas directoras do curso.
- Te recomendamos -