Valeriano Martínez clausurou hoxe as III Xornadas de Auditoría e Contabilidade
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, aludiu hoxe ao “rigor, a certeza, a planificación e a credibilidade” como valores clave no campo da auditoría e o control, para seguir avanzando tanto na transparencia e calidade do que se audita como na claridade e relevancia da información que deben ofrecer tanto as empresas como a actividade pública.
O titular de Facenda, que clausurou esta mañá en Santiago as III Xornadas de Auditoría e Contabilidade, sinalou que as dificultades económicas dos últimos anos provocaron unha perda de lexitimidade dos instrumentos regulatorios e de control que chegou a cuestionar a súa independencia e a súa utilidade para facer fronte á crise e, sobre todo, a súa falta de anticipación e a insuficiencia da información proporcionada en situacións de risco.
Engadiu que, por iso, “resulta imprescindible” traballar de forma conxunta entre os ámbitos públicos e privados para manter a confianza nas institucións. E é igualmente fundamental “a estabilidade política e institucional que estamos a manter en Galicia, única en España”, dixo, e aproveitala en beneficio dos cidadáns.
Valeriano Martínez argumentou que para avanzar neste terreo elixiuse en Galicia un camiño, “seguramente non o máis fácil”, pero si o que se consideraba o máis adecuado, “o de achegar seguridade, certezas e confianza”, tres valores “moi relevantes” para o ámbito no que os auditores desenvolven o seu labor.
Para iso, optouse polo rigor e a planificación, cun balance satisfactorio, porque se logrou implantar un modelo propio, “que definimos como crecemento san”, baseado nun reforzo continuo do gasto social, en realizar o maior investimento posible e en compatibilizar estas prioridades coa consolidación fiscal, “que practicamente acadamos”, dixo, co obxectivo de chegar á estabilidade orzamentaria e non depender do endebedamento.
O conselleiro falou igualmente da importancia de reforzar a transparencia, a accesibilidade da información e de contar con mecanismos de control “suficientemente sólidos”, engadindo que o traballo do auditor debe ser máis accesible ao cidadán común e que se debe mellorar a comunicación e desenvolvemento das novas tecnoloxías, cunhas administracións capaces de ofrecer un marco regulatorio apropiado.
- Te recomendamos -