Inicio Galicia Galicia desenvolverá 36 proxectos que permitirán rexenerar máis de 1,6 millóns de...

Galicia desenvolverá 36 proxectos que permitirán rexenerar máis de 1,6 millóns de metros cadrados de superficie marisqueira

0

Estas iniciativas enmárcanse na convocatoria de axudas deste ano a proxectos para recuperar hábitats mariños e costeiros para as anualidades 2018 e 2019

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez sinalou hoxe no Parlamento que a Xunta aprobou 36 proxectos colectivos para recuperar hábitats mariños e costeiros en favor de poboacións de especies de interese marisqueiro por un importe de preto de 1,3 millóns de euros. Estas iniciativas enmárcanse na convocatoria de axudas deste ano a proxectos colectivos para as anualidades 2018 e 2019 e delas benefícianse maioritariamente as confrarías de pescadores.

Estes proxectos permitirán rexenerar unha superficie de máis de 1,6 millóns de metros cadrados e inclúen tarefas como a remoción de substrato e aporte de áridos para promover a reprodución de organismos mariños e a repoboación de especies autóctonas como ameixa babosa, ameixa fina e ameixa rubia.

Estes proxectos, explicou a directora xeral, súmanse aos 36 aprobados na convocatoria de axudas de 2017 por valor de máis de 1,2 millóns de euros e aos 170 proxectos aprobados entre os anos 2010 e 2015 por valor de preto de cinco millóns de euros.

Estas iniciativas, sinalou Susana Rodríguez, redundan na ampliación das zonas de traballo do sector marisqueiro e na mellora da xestión e conservación dos recursos marisqueiros. Tamén permiten ás entidades do sector conservar o estado do recurso e a restauración da biodiversidade e dos ecosistemas mariños no marco de actividades marisqueiras. Ademais estes proxectos contribúen a impulsar o sector marisqueiro como elemento clave na economía azul de Galicia desde unha perspectiva medioambiental e socialmente responsable.

Mexillón En relación ao sector do mexillón, a directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica fixo fincapé na súa importancia socioeconómica, xa que representa arredor dos dous terzos do valor da produción acuícola galega. Ademais, engadiu, configura un conglomerado de empresas produtoras, transformadoras e comercializadoras que xeran uns 400 millóns de euros de facturación, o supón arredor do 30% da facturación das sociedades mercantís dos concellos do litoral.

Consciente desta importancia, subliñou Mercedes Rodríguez, a Xunta apoia a este sector a través das axudas para a acuicultura cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). De feito, entre o 2016 e o 2018 o sector do cultivo de mexillón recibiu preto de cinco millóns de euros destas axudas. En concreto neste ano, especificou, o sector miticultor recibiu achegas por un importe de máis de 2,6 millóns de euros, “consolidando así a tendencia de anos anteriores segundo a cal máis do 75% dos proxectos financiados foi para o sector bateeiro”.

Estas axudas, sinalou a directora xeral, son unha mostra do apoio da Xunta a este sector e da súa aposta por consolidalo, fortalecelo e modernizalo. Nese camiño “seguimos traballando” e informou de que a Consellería do Mar está preparando a convocatoria de 2019 de axudas para a acuicultura.

Fondo Europeo Marítimo e de PescaEn resposta a outra pregunta sobre o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), Mercedes Rodríguez, destacou que “Galicia fixo os deberes” e relatou os pasos dados nesta materia. Entre eles destacou principalmente dous. Por unha banda salientou a participación de Galicia no seminario celebrado o ano pasado en Tallin, baixo o título O FEMP no apoio dos obxectivos da Política Pesqueira Común e da Política Marítima da Unión Europea”, enmarcado na conferencia Máis alá de 2020: o apoio ás comunidades costeiras de Europa. Alí a conselleira do Mar defendeu a conveniencia dun novo fondo de financiamento pesqueiro que dea continuidade ao que se atopa en vigor co obxectivo de que o sector poida adaptarse ás liñas marcadas por Europa.

Por outra banda, a directora xeral lembrou que Galicia liderou no seo do Comité das Rexións o ditame do FEMP despois de 2020, que foi aprobado por unanimidade das 350 rexións e concellos europeos que conforman o seu pleno. Esta proposta, explicou Mercedes Rodríguez, “foi enriquecida en orixe coas achegas e opinións recollidas en sendas xuntanzas do Comité das Rexións e cos membros do sector europeo mantidas en xaneiro deste ano. Tamén coas propostas, inquedanzas e pareceres de moitos membros do sector galego”.

Neste ditame, lembrou Mercedes Rodríguez, Galicia defende un futuro fondo que sexa acorde á normativa europea, simplificado para facilitar a súa aplicación práctica ás administracións e pescadores e adaptado á realidade dos sectores do mar. Ademais sinalou que entre as prioridades que defende Galicia para o novo fondo está o remuda xeracional, a través do apoio en cuestións como a formación e a calidade de vida a bordo dos buques pesqueiros. Tamén é clave centrar apoios na adecuación do esforzo pesqueiro e dar continuidade á competitividade do sector transformador e á diversificación económica do sector, especialmente en zonas costeiras rurais.


- Te recomendamos -