Inicio Galicia Feijóo refírese ao Campus Innova e ao CITEEC como a proba de...

Feijóo refírese ao Campus Innova e ao CITEEC como a proba de que a Galicia do século XXI se anticipa e faino grazas a unhas universidades innovadoras a través dos campus especializados

0

Asevera que o Campus Innova aspirará a poñer o seu selo de innovación nas tecnoloxías da información e a comunicación, na edificación e a enxeñaría civil, e nas TIC aplicadas ás humanidades e contidos dixitais

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao Campus Innova e ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), como a proba de que a Galicia do século XXI se anticipa e faino grazas a unhas universidades innovadoras a través dos seus campus especializados.

Durante o acto de presentación, Feijóo aseverou que o Campus Innova aspirará a poñer o seu selo de innovación nas tecnoloxías da información e a comunicación, na edificación e a enxeñaría civil, e nas TIC aplicadas ás humanidades e contidos dixitais, e precisou que o seu plan estratéxico se realizou entre a Xunta e a Universidade.“Innovatic, Innovatech, Innova Humanitas. Tras estas tres áreas que abarca este campus, atópanse aplicacións que afectan directamente á vida da xente”, dixo, precisando que os traballos desenvolvidos nel repercutirán en capítulos tan diversos como a sanidade, as smart cities, a agricultura, as infraestruturas, a cultura, a educación ou o turismo. E todos os centros vencellados ao campus terán a misión de situarse no futuro para deseñalo e convertelo nun aliado da xente: o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, o Centro de Innovación en Edificación e Enxeñería Civil, a Escola Técnica Superior de Arquitectura, a Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos, a Facultade de Filoloxía e a Facultade de Economía e Empresas.

Nesta mesma liña, salientou que o CITEEC, considerado un dos centros máis avanzados de España, promove a investigación básica, fai investigación aplicada e realiza traballos de consultaría a empresas e institucións.

Logo de lembrar que a estratexia de especialización da Universidade da Coruña iníciase hai algo máis de dous anos, co Campus Industrial de Ferrol, o presidente da Xunta resaltou que o pasado mes de xuño daba os primeiros pasos, tamén, o Campus da sustentabilidade da Coruña, integrado por 30 grupos de investigación e 14 facultades, escolas e centros científicos, nos que se inclúe o Centro de Investigacións en Tecnoloxías da Informacións e as Comunicacións (CITIC). “E, non debemos esquecer tampouco que o Campus Terra, en Lugo, e o Campus da Auga, en Ourense, iniciaron no 2013 un camiño no cal Galicia é pioneira; e o papel destacado que teñen os Campus de Excelencia Internacional: o Campus Vida, en Santiago, e o Campus do Mar en Vigo”, engadiu.

O responsable autonómico remarcou os campus galegos se conciben como un modelo de colaboración que implica á Universidade, ás institucións públicas e privadas, ás empresas, aos produtores e ás asociacións profesionais. “Estamos diante dunha aposta estratéxica que persigue dotar a cada campus dunha identidade vencellada ao seu contorno; potenciar a súa conexión coas demandas da sociedade e a economía; e acadar unha indiscutible reputación internacional”, explicou, incidindo no novo xeito de responder aos desafíos da Universidade do século XXI: internacionalización, competitividade, fomento da I+D+i, diversificación das fontes de financiamento e mellora da empregabilidade.

Feijóo asegurou que o Campus Innova é o punto de chegada dun proceso que no seu inicio ten unha idea motriz e matriz: a unidade de esforzos. E concluíu sostendo que todo isto é posible, entre outros factores, pola estabilidade que proporciona o Plan galego de financiamento universitario 2016-2020 que, dotado con preto de 2.500 millóns de euros, ademais de garantir a suficiencia financeira, establece novos criterios de transparencia, prima a eficiencia e impulsa financiamento vencellado a obxectivos.


- Te recomendamos -